XUNTA DE GOBERNO

O Concello abrirá un novo prazo para optar ás concesións das hortas municipais de Belvís

24/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, deu conta da apertura do prazo para solicitar as concesións das hortas urbanas municipais de Belvís de Abaixo. Así se aprobou nunha sesión da Xunta de Goberno na que tamén se acordou prorrogar os contratos das obras no Parque de Bombeiros e na rúa Caramoniña.

A piques de transcorrer o prazo de dous anos dende que foran adxudicadas as hortas urbanas situadas en Belvís de Abaixo en decembro de 2012, o Goberno local acordou revogar as autorizacións de uso deses terreos e abrir un prazo de 10 días, do 12 ao 21 de novembro, para as solicitudes de nova concesión de uso. Os interesados poden presentar a documentación no Rexistro Xeral municipal, no Centro Sociocultural do Ensanche, no edificio Cersia ou nos lugares que permite a lexislación para estes efectos.

O día establecido para o sorteo desas parcelas entre os solicitantes que reúnan os requisitos é o 12 de decembro de 2014. Realizarase no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), no parque de Belvís.

Tal como lembrou o alcalde, o Concello dispón en Belvís de 26 parcelas duns 60 metros cadrados cada unha, preparadas para o seu aproveitamento mediante prácticas agrícolas ecolóxicas ou, cando menos, tradicionais.

O Concello cede o uso destas terras á veciñanza conforme a unha ordenanza municipal específica. Cada parcela está identificada cun número e co nome da persoa que a cultiva, podendo dispoñer dun espazo de usos comúns con aseos e vestiarios, ferramentas para os labores, regadeiras, auga, mesas, bancos e un taboleiro de anuncios.

Prórrogas de contratos de obra
Na sesión da Xunta de Goberno tamén se acordaron dúas ampliacións de prazo de execución de obra, unha vez recibidos os informes técnicos municipais favorables. A primeira afecta aos traballos de mellora e acondicionamento das instalacións do Parque de Bombeiros, iniciados en setembro de 2014. O retraso veu motivado por incidencias propias da actividade do servizo de extinción de incendios e alleas ao contratista, polo que se amplía o prazo de conclusión da obra ata o 8 de novembro.

A segunda prórroga afecta á reurbanización da rúa Caramoniña, iniciada en maio de 2014. Neste caso está motivada pola modificación do trazado das canalizacións eléctricas respecto do previsto no proxecto inicial e pola adecuación das condicións de accesibilidade para a veciñanza. O novo prazo remata o 28 de novembro.

Procedemento sancionador
Outro dos asuntos tratados na reunión do Goberno Local foi a resolución do procedemento sancionador aberto no seu día á empresa encargada da xestión das escolas infantís municipais de Conxo e de Fontiñas. Acordouse impoñerlle á empresa unha sanción de 3.005 euros pola infracción do previsto no art. 25.b do prego de cláusulas do contrato para a xestión desas dúas escolas.

Segundo explicou Agustín Hernández, o contrato con esta empresa fora formalizado o 26 de setembro de 2013. Dous meses despois, o Departamento de Educación observou unha serie de deficiencias que lle foron trasladadas ao contratista. Este presentou alegacións en decembro de 2013 e sobre as mesmas emitiuse un novo informe municipal no que se sinalaba a persistencia das deficiencias na execución do contrato.

O Servizo de Contratación emitiu informe en xuño de 2014 en relación con estes feitos, motivando o inicio de expediente sancionador contra a empresa por infracción grave, segundo o disposto no prego de contratación. Así, o 26 de xuño de 2014, a Xunta de Goberno acorda iniciar o devandito procedemento contra a empresa por infracción grave (3.005 a 9.015 euros).

En xullo de 2014 comunicóuselle este acordo á empresa, lembrándolle que, no caso de recoñecer a responsabilidade polos feitos imputados, conforme á normativa, a sanción podería impoñerse en grao mínimo. Malia que a empresa presentou inicialmente alegacións, en outubro de 2014 desiste delas e recoñece a responsabilidade na comisión dos feitos, aceptando a imposición da sanción en grao mínimo.

"A sanción adóptase como resolución do procedemento, a pesar de que a empresa ten emendado as deficiencias detectadas no servizo, cuestión sobre a que o Concello continuará a exercer –como é natural- o máis estrito control para verificar o cumprimento en todo momento das determinacións especificadas no prego de contratación", indicou o alcalde.

Doazón dunha acuarela
Ademais, a Xunta de Goberno acordou a aceptación da cesión gratuíta dunha acuarela por parte do arquitecto e debuxante Pablo Tomé. Titulada Cineuropa e cunha medida de 32 x 40 cm, a pintura fai relación ao festival cinematográfico do Teatro Principal, instalación coa que o autor garda vinculación laboral, xa que dirixiu algunhas das obras de reforma deste espazo.

Ademais da súa faceta de artista plástico, Pablo Tomé é arquitecto, coordinador de proxectos e obras do Consorcio da Cidade de Santiago dende 1996, e foi profesor na Escola de Arquitectura da Coruña no período 1986-2010.

Premio de Álbums Ilustrados
A Xunta de Goberno tamén foi informado do veredicto do xurado do VII Premio Compostela de Álbums Ilustrado, que acordou que o gañador fora Federico Joaquín Delicado Gallego, de Ciudad Real, pola súa obra Ícaro.

A obra, premiada con 9.000 euros (dos que o Concello achega 8.000 e a editorial Kalandraka os 1.000 restantes), foi elixida entre os 255 álbums ilustrados presentados ao concurso, procedentes de 21 países. A entrega do galardón realizarase o 4 de novembro.

Convenio co IES Instituto Rosalía de Castro
Seguindo co ámbito educativo, aprobouse o texto do convenio a subscribir co IES Rosalía de Castro para o financiamento do bacharelato internacional nese centro, por importe de 6.208 euros. O Concello de Santiago vén colaborando con esta iniciativa dende 1989.

Rexisto dominio .gal
Acordouse igualmente o rexistro a nome do Concello de Santiago do dominio santiagodecompostela.gal, incorporándose ao sufixo que identifica as páxinas de internet escritas en galego e dirixidas á sociedade galega. A medida ten un custo anual para o concello de 51 euros.

Este dominio é xestionado pola asociación Puntogal e os ingresos económicos que se produzan pola actividade do dominio servirán para o mantemento do propio dominio. Os posibles beneficios destinaríanse ao fomento da lingua e cultura galegas dentro do ámbito das novas tecnoloxías.

Axudas sociais municipais
Finalmente, concedéronse outras 21 axudas de emerxencia social no marco das Medidas de Apoio para a Prevención e Integración Social (MAPIS). Suman un total de 14.529 euros e sufragarán gastos de manutención, aluguer, comedor escolar e gastos excepcionais.

Documentos relacionados



Compartir: