CENTROS SOCIOCULTURAIS

X Semana Cultural no LSC da Rocha

23/10/2014 Este venres 24, a partir das 20:00 horas, darase por iniciado o programa de actividades da X Semana Cultural da Rocha, coa presenza da concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón. A continuación, Henrique Alvarellos conducirá unha charla arredor da exposición As fotos máis antigas de Galicia.1858, que se exhibe no local sociocultural.

Dende o ano 2005, data na que se inaugurou o LSC da Rocha, fermoso pazo rehabilitado pola Deputación de A Coruña, véñense organizando -coa activa colaboración das asociacións cultural e vecinal- programacións específicas como as semanas culturais, dedicadas a temáticas moi diversas como o ferrocarril, a memoria da xente ou as artes gráficas, sempre tendo como fio condutor a lembranza e o traballo sobre a propia historia do barrio e da cidade.

A Semana Cultural da Rocha deste ano dedícase á fotografía, vinculada á vida cotía das persoas, pero tamén como documento histórico que reflicte a imaxe da propia cidade e das súas xentes.

Así, o programa contará coa exposición As fotografías máis antigas de Galicia. Santiago 1858, que permanecerá no local ata o 14 de novembro. Logo continuará a súa itinerancia por outros centros socioculturais da cidade.
Entre as actividades propostas para traballar en torno á fotografía, ademáis da charla de Henrique Alvarellos, está previsto un recital de poesia a cargo de Rosalía Morlán, autora do libro O Castelo da Rocha Forte, acompañada dos nenos que ilustraron o libro; un obradoiro onde aprender a enmarcar unha imaxe e outro para iniciarse no retoque fotográfico. Pechará o calendario unha actuación do Grupo de Teatro Rocha Forte coa obra A salto de cama.

A Semana Cultural conta tamén coa colaboración das asociación cultural e veciñal do barrio, que enriquecen este programa coas propostas da xornada do sábado 25: o devandito recital poético e un tradicional magosto.

Documentos relacionados



Compartir: