CENTROS SOCIOCULTURAIS

Continúan en outubro e novembro as actividades de "Vive, vivencias, vivamos"

21/10/2014 Xa están preparados os novos contidos do programa de achegamento á historia e á antropoloxía da cidade Vive, vivencias, vivamos, que arrancara no mes de abril e que ata agora xa incluíu dez visitas culturais diversas nas que participaron 387 persoas. As actividades desta iniciativa da Rede de Centros Socioculturais continuarán en outubro e decembro.

Este programa naceu co obxectivo de promover o encontro e o intercambio cultural de forma accesible entre a cidadanía de Compostela. Pretende difundir o coñecemento da historia e da antropoloxía da cidade a través dos centros socioculturais para que tanto propios como achegados coñezan mellor as tradicións compostelás e poidan amar e gozar máis desta urbe universal.

A iniciativa está coordinada polo catedrático José Manuel Vázquez Varela, quen ademais de desenvolver as súas tarefas de antropólogo e etnógrafo, publicou ducias de libros, foi profesor da Facultade de Historia da Universidade de Santiago e está considerado unha autoridade mundial no seu campo de traballo, ademais de ser recoñecido dentro da Universidade como un formidable pedagogo. Vive, vivencias, vivamos é unha oportunidade única para gozar e compartir experiencias e coñecemento co profesor compostelán.

Logo da formidable resposta da veciñanza de Compostela ás accións desenvolvidas con anterioridade dentro do programa, que esgotou as prazas dispoñibles en todas as actividades ofrecidas, o proxecto continúa con novas accións. Preparáronse sete novas saídas guiadas para axudar a entender a historia da cidade ata os nosos tempos, facendo maior fincapé no papel do termalismo no desenvolvemento de Compostela.

Como novidade, o programa propón unha visita ao Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, un dos espazos botánicos máis fascinantes de Galicia, e un ciclo de series documentais que se desenvolverá os venres 7, 14, 21, 28 de novembro e 5 de decembro no Centro Sociocultural das Fontiñas. Iniciará aos usuarios do programa na comprensión da historia universal, comezando pola análise dalgúns dos acontecementos máis significativos (Estambul e o seu papel na historia do mundo, a I e II Guerra Mundial, París e a Revolución Francesa e a Revolución Rusa).

Para satisfacer as demandas dos usuarios que participaron en edicións anteriores do programa, desta vez faranse saídas en grupo semanais aos acontecementos culturais máis de representativos celebrados nese momento na cidade.

As actividades son de balde (agás a visita ao Pazo de Sta.Cruz de Ribadulla, que custa 2,5 euros) e requiren inscrición previa nos centros socioculturais de Fontiñas, Vite, O Ensanche, Santa Marta, Castiñeiriño ou Conxo, ou a través do teléfono 981 528 750. O prazo de inscrición ábrese o xoves 23 de outubro. Hai un límite de 20 prazas para as saídas guiadas.

Relación de saídas guiadas previstas:

- Historia viva de Compostela. Fontes históricas da zona vella de Compostela: xoves 30 de outubro ás 17:00 horas.
- Xardíns, paseos e personaxes do pasado. Segredos e misterios da Alameda Compostelá: xoves 6 de novembro ás 17:00 horas.
- Ruta das augas. Monte de Vite, Salgueiriños e San Martín: sábado 8 de novembro ás 11:00 horas.
- Emblema da cultura galega. Conxunto de Santo Domingo de Bonaval: xoves 13 de novembro ás 17:00 horas.
- Ruta das portas de Santiago. Entrada e saída de Compostela: sábado 15 de novembro ás 11:00 horas.
- O espazo botánico máis fascinante de Galicia. Pazo de Santa Cruz de Ribadulla: sábado 22 de novembro ás 11:00 horas.
- O termalismo na histórica de Compostela. Fonte da Selva Negra e arredores: sábado 29 de novembro ás 11:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: