ALCALDÍA

O alcalde afirma que os orzamentos da Xunta recollen "os proxectos necesarios, comprometidos e urxentes da cidade"

21/10/2014 Un día despois de coñecerse os orzamentos da Xunta de Galicia, o alcalde de Santiago analizou as consignacións para a cidade. Agustín Hernández declarouse "satisfeito" polas cantidades dedicadas, salientando que se trata duns orzamentos "realistas" que reflicten "os proxectos necesarios, comprometidos e urxentes da nosa cidade".

O alcalde destacou a asignación de 1,5 millóns euros para o centro de acollida de peregrinos de Carretas, e tamén outras partidas como as da mellora da depuradora da Silvouta e da futura nova EDAR do Souto, ou a destinada ao mantemento do transporte metropolitano. Sobre a estación intermodal, malia cualificar de "pouco significativa" a cantidade recollida, afirmou que é "importante", para impulsar o proxecto, sobre todo tendo en contra que si se contemplan partidas plurianuais para os seguintes exercicios. Agustín Hernández quere atopar o "consenso cidadá e político" sobre este proxecto, co obxectivo de "deixar pechado deseño" nos primeiros meses de 2015.

Outra das cuestións que resaltou o rexedor municipal foi o incremento de 700.000 euros da cantidade destinada ao capítulo 4 respecto do 7 para o Consorcio de Santiago, que "lle permitirá un mellor financiamento e liquidez". O organismo interadministrativo recibirá así máis fondos sen vinculación a un proxecto concreto e finalista.

Compartir: