XUVENTUDE

Xuventude convoca novas edicións dos certames "Foto con sentimento" e "Imaxinart"

20/10/2014 O Departamento de Xuventude pon en marcha as segundas edicións do Certame de Fotografía co Móbil Foto con sentimento, e do Certame de Creación ImaxinART, de creación gráfica. A primeira convocatoria ten un premio valorado en 275 euros para a mellor serie fotográfica, mentres que o concurso gráfico outorgará a mesma cantidade a cada unha das súas tres distincións. A concelleira de Xuventude, María Corral, e o técnico municipal Manuel Fernández presentaron ambos certames.

O II Certame de Fotografía co Móbil Foto con sentimento quere promover e premiar un ano máis a creatividade dos mozos e mozas afeccionados á fotografía e potenciar o uso alternativo das novas tecnoloxías.

Os participantes neste certame deberán plasmar nas súas instantáneas, tomadas cun teléfono móbil, unha serie de sentimentos, encadrando as fotografías en calquera punto da cidade. As fotos deberán representar o amor, o odio, a ledicia ou a tristeza.

Os participantes deberán ser mozos e mozas de 14 a 30 anos, empadroados en Santiago ou que estean realizando os seus estudos nun centro educativo do municipio. Terán como data límite para inscribirse no certame o 28 de novembro. As solicitudes presentaranse a través do envío da documentación á dirección de correo electrónico certamefotomobil@santiagodecompostela.gal.

O premio do concurso consistirá na reprodución das obras en formato papel para que formen parte dunha exposición de novos creadores, que se abrirá no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche en 2015. Ademais, o gañador recibirá un agasallo valorado en 275 euros.

Tres logotipos
A Concellería de Xuventude convoca tamén o II Certame de Creación ImaxinART 2014 co obxectivo de premiar igualmente a creatividade dos mozos e mozas, pero neste caso a través da elaboración da imaxe corporativa que se vai empregar nos materiais publicitarios das diferentes iniciativas, programas e actividades desenvolvidas por este departamento municipal.

Establécense tres categorías para as que se poderán presentar deseños: logotipo da Concellería (na que se inclúa parte ou todo da palabra Xuventude), programa de actividades e VIII Certame MúsicaXove’15 (este texto debe figurar no cartel que se presente). A técnica e as cores serán libres sempre e cando non existan dificultades para a súa reprodución.

Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras por categoría, ben sexan de creación individual ou en grupo. A diferencia do ano anterior, non será necesario presentar traballo en todas as categorías. As obras deberán ser inéditas e non supoñer, en todo ou en parte, copia ou plaxio de escenas fotográficas, carteis ou debuxos xa publicados en calquera das súas formas. O prazo de inscrición estará aberto tamén ata o 28 de novembro.

O xurado do concurso estará composto por especialistas no ámbito do deseño e da impresión e será presidido pola concelleira de Xuventude, actuando como secretario o responsable do Departamento de Xuventude. Haberá un premio valorado en 275 euros para cada unha das tres categorías.

Máis información sobre estes dous certames no Departamento de Xuventude:
Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche
(Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16)
Tfno: 981 543 001 Fax: 981 543 002
E-mail: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Compartir: