CULTURA

"Wild Wild Wilde" con Los Lunes e concerto de Yul Ballesteros Cuarteto esta fin de semana

17/10/2014 Na programación cultural desta fin de semana, ademais das propostas das Xornadas de Música Contemporánea haberá teatro e Sons’14 Jazz. A compañía madrileña Los Lunes presenta Wild Wild Wilde no Teatro Principal dentro do ciclo Teatro & Danza. Será este sábado, ás 21:00 horas, cando poderemos ver esta obra de José Ramón Fernández sobre textos de Óscar Wilde. Tamén no Principal pero xa o domingo, estará en concerto Yul Ballesteros dentro do ciclo Sons’14 Jazz.

Ata 1895, Oscar Wilde era un afamado escritor celebrado pola flor e a nata da intelectualidade europea. Entón Wilde foi declarado culpable de vergoñosas indecencias e condenado a dous anos de traballos forzados. Durante a súa estancia no cárcere escribiu De Profundis, carta dirixida a Lord Alfred Douglas. Nela, máis alá de revisar a relación sentimental que os uniu, entrégase á reflexión sobre a natureza do amor e do odio, da traxedia e da comedia, do público e do privado, da excepción e da norma. A reflexión, en fin, sobre o paradoxo que constitúe o mero feito de vivir...

"De profundis é un texto inesperado en Oscar Wilde. Unha carta dende o cárcere. Unha renuncia ao pracer en prol da dor. E aí radica a enorme atracción que esperta", explica a directora da obra, a compostelá Fefa Noia.

Yul Ballesteros Cuarteto en Sons’14 Jazz
O domingo, ás 20:00 horas, Yul Ballesteros Cuarteto ofrece o seu jazz enraizado no blues e infestado de grooves. Nesta ocasión, preséntanos un novo proxecto co que interpretarán composicións dos seus anteriores discos, ademais dun adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. Cabe destacar a participación de dous nomes propios do Jazz Galego, Pablo Castaño e Carlos López.

As entradas para ambos espectáculos poden mercarse no Teatro Principal, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443. Para o teatro a un prezo de 12 € (10 € presentando a entrada de ‘Cuerdas’ da mesma compañía) e as de Ballesteros a 10 € anticipada e 12 € o día do concerto.

Compartir: