XUNTA DE GOBERNO

O Concello investirá 1,6 millóns de euros na humanización da rúa de Montero Ríos

17/10/2014 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto básico e de execución da humanización da rúa de Montero Ríos. Esta obra suporá un investimento de case 1, 6 millóns de euros e permitirá reurbanizar unha rúa principal na armazón da cidade e unha das poucas do Ensanche sobre a que non se interveu nas últimas décadas.

Segundo explicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, este proxecto "continúa a política de mellora ambiental e de pavimentos que se está a levar en diferentes rúas da cidade e vai dirixido a renovar os pavimentos e as redes de servizos desta rúa". Esta actuación, dixo, incidirá na humanización da rúa, outorgándolle maior espazo ao cidadán en detrimento do tráfico rodado. "Con ese fin –dixo- ás beirarrúas serán ampliadas ata os tres metros, eliminando as zonas de aparcamento en superficie e mantendo zonas de carga e descarga que, fóra do seu horario de uso, se poderán utilizar como prazas de estacionamento da ORA".

O proxecto, que pretende harmonizar e reforzar a imaxe identitaria do Ensanche, inclúe o cambio da rede unitaria de saneamento a unha rede independente para as augas pluviais e residuais, a substitución de tramos obsoletos da rede de abastecemento de auga, un prisma único subterráneo para a distribución das redes de telecomunicacións e colectores de residuos soterrados, así como nova iluminación, arborado e mobiliario urbano.

O orzamento total previsto para a execución do proxecto é de 1.599.398 euros e o prazo previsto é de nove meses.

Nova área de lecer en Angrois
Tamén en materia de obras, a Xunta de Goberno abriu o procedemento de contratación das obras para o acondicionamento dunha zona de descanso para peregrinos, parque público e parque infantil de Angrois. Esta intervención sae a licitación por un importe de 82.543 euros, que se repartiran nas anualidades dos anos 2014-2015, cun prazo de execución previsto de tres meses.

As obras inclúen unha zona de equipamentos biosaudables e, nese mesmo ámbito, instalarase un conxunto de cantería, por un importe superior aos 7.600 euros, que vai realizar a Escola de Canteiros de Poio e sufragará a Deputación de Pontevedra

Esta é unha das tres actuacións que vai desenvolver o Concello na parroquia de Angrois. Así, lembrou Agustín Hernández que "hai unha semana, iniciábase tamén o expediente de contratación dunha segunda actuación, as obras do campo da festa e da pista polideportiva, que contan un importe de licitación de 151.888 euros e cun prazo de execución de tres meses.

Estimou que estas dúas intervencións se adxudicarán antes de que remate o ano. Aínda quedaría unha terceira obra, para a construción dun almacén destinado á Asociación de Veciños de Angrois, cun orzamento de 50.685 euros. Este proxecto está pendente de aprobación, á espera de que o ADIF tramite a modificación dunha aliñación no terreo previsto.

Documentos relacionados



Compartir: