ALCALDÍA

Unha mostra convida a descubrir a faceta como fotógrafo de Gonzalo Torrente Ballester

16/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou a exposición GTB fotógrafo. Realidade e ficción, que se exhibe na Fundación Torrente Ballester. A mostra recolle unha selección de fotografías en branco e negro realizadas polo escritor na segunda metade dos anos 60 e inicios dos 70.

"Eu non sei se Torrente Ballester era un bo fotógrafo, pero estou seguro de que a súa cámara tiña un compoñente de excepción e que as súas mellores imaxes foron reproducidas no papel das súas obras e codificadas a unha linguaxe única e irrepetible", indicou o alcalde no transcurso do acto inaugural da mostra. Nesta, segundo apuntou Agustín Hernández, "vemos as fotografías que captou Torrente coa súa máquina, as que alimentaron as súas lembranzas e a súa imaxinación para crear o mundo tan persoal e fantástico que nos legou na súa obra literaria".

"Sabiamos do Torrente Ballester narrador, dramaturgo, ensaísta, crítico, articulista de prensa, profesor e mesmo cantor de tangos, pero moi poucos coñecían, coñeciamos, o Torrente fotógrafo", afirmou. Así, esta exposición, organizada por Miguel Fernández Cid e por Carme Becerra, "permítenos acceder a ese outro mundo que, sen dúbida, subxace en moitas das páxinas deste ferrolán de nacemento e compostelán de adopción, que cada día imos coñecendo e recoñecendo un pouco máis".

Para Agustín Hernández, "a visita a esta exposición pode ser un bo acicate para volver á obra de don Gonzalo con outros ollos, tratando de descubrir a débeda ou a relación que con estas fotografías se poidan agachar nas súas obras de ficción". Por iso, agradeceu á Fundación Torrente Ballester a mostra, grazas á cal os visitantes poderán descubrir esa faceta, para moitos oculta, do escritor.

Encontro entre realidade e ficción
A mostra inclúe unha selección de fotografías en branco e negro das décadas dos sesenta e dos setenta. O recordo ás continuas viaxes do escritor na mudanza da súa biblioteca abre esta exposición, que reflicte o constante encontro entre realidade e ficción visible no escritor ferrolán, a través de fotografías como unha visita á súa casa natal de Serantes ou a imaxe tomada en Pontevedra na que interrompe unha sesión familiar de fotos.

Vistas de paisaxes urbanos a xeito de escenarios, detalles estéticos ou lúdicos que chaman a súa atención, algúns temas iconográficos propios, como a súa predilección polos balcóns, a Berenguela ou as escenas mariñeiras, dialogan nesta mostra con paseos polas cidades entre a evocación e a memoria. Tamén conforman a mostra fotografías de intención puramente estética, en temas clásicos como as ventás, os xogos entre interior e exterior, os escaparates, os bodegóns e os autorretratos.

Compartir: