CULTURA

Concerto de LA M.O.D.A e do trío sueco Heavy Tiger dentro do Compostela Rock

16/10/2014 O ciclo Compostela Rock ofrece este venres unha nova proposta na Sala Capitol. Poderemos escoitar a La Maravillosa Orquesta del Alcohol, un orixinal sexteto que mestura música acústica e instrumentos como acordeón, banxo, mandolina e saxofón.

Cun son que bebe do folk, o blues, o country e o rock & roll, esta banda burgalesa (tamén coñecidos como La M.O.D.A) leva case 3 anos sen parar de facer cancións e actuar por todo o país: en festivais, como teloneiros de artistas internacionais (Dropkick Murphys, Frank Turner), en salas, bares e na rúa. Abre o concerto Heavy Tiger, un power trío de mozas de rock and roll de Estocolmo (Suecia).

A Sala Capitol abrirá as súas portas para este espectáculo ás 21:00 horas. O prezo das entradas é de 8 € anticipada e 10 € o día do concerto e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, da Sala Capitol, en Ticketmaster, A Reixa Tenda, Miranda así como nas web de entradas.abanca.com e salacapitol.com ou no 902 434 443.

La M.O.D.A fórmase na primavera de 2011 de forma espontánea tras a volta a casa de David Ruiz (voz, guitarra) despois dunha temporada buscándose a vida como músico rueiro en Dublín. Ao seu regreso, inspirándose no espírito das bandas da capital irlandesa, decide reunir a un grupo de amigos sen outra pretensión que facer cancións e tocalas en directo.

Hoxe, a banda deu máis de 120 concertos e editou 2 Ep's e un álbum, ¿Quién nos va a salvar?, gravado por Kaki Arkarazo (Los Coronas, Vetusta Morla, Berri Txarrak) e masterizado en Nova York por Greg Calbi (Bon Iver, Bruce Springsteen). O seu primeiro LP, publicado en outubro de 2013 e producido polo músico de folk Diego Galaz, recolle dez temas en castelán nos que o grupo dá un paso adiante na procura da súa identidade, combinando unha base instrumental de influencia anglosaxoa coa distintiva voz resgada do seu cantante.

A resposta de público e crítica foi unánime: ¿Quién nos va a salvar? cultivou reseñas moi favorables nos principais medios nacionais (Mondosonoro, Rockzone, Ruta 66, El País), e a xira de presentación do disco está a ser todo un éxito con máis de 70 concertos por todo o país, incluíndo actuacións en festivais como BBK Live, Cruïlla ou Sonorama 2014.

En definitiva, estamos ante unha proposta á que custa atopar comparacións na música de hoxe en día. Con influencias dispares que van desde The Clash a Springsteen pasando por The Pogues, Dylan, Calexico ou Eskorbuto, e impulsados por un directo que destila enerxía e paixón, La Maravillosa Orquesta del Alcohol está cada día en boca de máis xente. Publicaron tres sinxelos e vídeos ata a data: "Vasos vacíos", "Los hijos de Johnny Cash" e "Nómadas".

Heavy Tiger
Heavy Tiger é un power trio de mozas de rock and roll de Estocolmo. Tres mozas guerreiras que teñen un impresionante espectáculo e as ideas moi claras. O seu estilo está entre o glam e o radrock dos 70, influenciadas por bandas como Thin Lizzy e Kiss. Estiveron por Escandinavia e Reino Unido, e algunhas persoas falan de "as novas Runaways". Tocaron con bandas como, Imperial State Electric, The Flaming Sideburns, Jim Jones Revue, Soundtrack Of Our Lives e Stevie Klasson. En 2013 encabezaron o escenario de novos talentos do prestixioso festival sueco Bråvalo e a marca Orange fichounas como imaxe. Os medios de comunicación nórdicos seguen con atención as evolucións dunha carreira prometedora .

O seu álbum debut, Saigon Kiss, recolle ese auténtico espírito de rockanroleiro sen artificios. Gravado e producido polo ex Hellacopters Nicke Andersson, está a cultivar grandes críticas na prensa especializada europea. En directo, Heavy Tiger promete un autentico show de power rock and roll girls.

Compartir: