DEPORTES

A selección de Braga gañou a Copa Gallaecia

28/08/2006 A selección de Braga gañou a Copa Gallaecia tras impoñerse á de Porto por dous goles a cero. Os tantos foron marcados no segundo tempo por Óscar, no minuto 34, e por Orlando, cinco minutos despois.

A selección de Braga rematou invicta esta primeira edición da Copa Gallaecia, tras ser campiona na fase clasificatoria e derrotar ao combinado de Vigo en semifinais. Pola súa parte, Porto cegaba á final despois de gañar na quenda de penaltis á selección de Pontevedra e de eliminar na fase previa a Santiago e Ferrol. Braga será a sede da fase final da Copa Gallaecia en 2007.

O cuarto posto correspondeulle á selección de Vigo, que gañou a Pontevedra por seis goles a un. Durante o descanso da final sorteáronse balóns doados polo Real Club Celta de Vigo. Os obsequios foron entregados por Gudelj.

Galicia gaña no seu debut

No partido internacional sub-21 feminino, a selección galega gañou ao combinado do norte de Portugal por 3-1. Comezou adiantándose o combinado portugués na primeira parte, grazas a un gol de Joana Martins no minuto 36. Galicia remontou o encontro na segunda metade con tres goles, nos minutos 3 (Mili), 14 (Sara) e 16 (Joa).

O acto de clausura do torneo, onde se entregou o relevo a Braga, contou coa presenza, entre outros, do concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Manuel Portas, do subdirector xeral para o Deporte Ramón Brigos, do presidente da Federación Galega de Fútbol, Julio Meana, e do presidente da AF de Braga, Carlos Coutada.

Compartir: