PROMOCIÓN ECONÓMICA

A terceira edición do proxecto Crear logrou xa a inserción laboral de 15 persoas

28/08/2006 A terceira edición do proxecto Crear comezou a súa andaina de xeito enormemente positivo. Cando aínda non rematou o primeiro mes da súa posta en marcha, os seus responsables xestionaron a inserción profesional de quince usuarios nun emprego afín ás súas expectativas e capacidades.

Estes quince novos contratos repártense entre sete mulleres e oito homes, e tódolos empregos están localizados na cidade de Santiago e en concellos da bisbarra. En canto aos sectores de actividade, as ocupacións dos novos contratados van desde o servizo doméstico a traballos relacionados co ámbito comercial e empresarial (promoción, reposición, limpeza, contabilidade, administración), pasando por profesións vinculadas ao sector da construción (carpinteiro, electricista, albanel, pintor) e da área social (auxiliar de axuda a domicilio, animadora sociocultural, educadora social, sociólogo).

Este éxito inicial é especialmente salientable se temos en conta que o proxecto CREAR busca a incorporación ao mercado de traballo de persoas pertencentes aos grupos con maiores dificultades de inserción laboral; os colectivos aos que vai dirixido especificamente este proxecto son o de xoves sen emprego anterior, mulleres vítimas de violencia doméstica, persoas desempregadas de longa duración, inmigrantes, emigrantes retornados e homes e mulleres con algún tipo de discapacidade.

Programas de inserción personalizados
Logo de rematar o proceso de selección dos usuarios que finalmente se beneficiarán desta iniciativa (61 mulleres e 39 homes), a primeiros de agosto deu comezo a fase de entrevistas persoais, nas que o grupo de participantes expoñen as súas expectativas profesionais, dan a coñecer as súas preferencias formativas e van perfilando as áreas profesionais cara ás que dirixir os esforzos de busca de emprego.

Unha vez coñecidas as demandas formativas dos usuarios, desde o proxecto procédese á súa cobertura mediante dúas liñas de traballo: ben organizando os cursos directamente (en caso de que o grao de demanda así o permita), ben incorporando aos beneficiarios de Crear como alumnado nos cursos impartidos por outros organismos formadores. Para iso, o equipo responsable de Crear está en permanente contacto coas institucións que imparten de accións formativas da bisbarra para derivar a eles ao seu colectivo de usuarios.

En canto á busca de emprego propiamente dita, os participantes no proxecto teñen ao seu dispor titorías personalizadas nas que poden ir perfilando o seu Plan Persoal de Inserción, é dicir, un itinerario adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias. Talóns de desprazamento para que a asistencia aos cursos ou ás entrevistas de traballo non lles supoña un custo e mesmo un servizo de asesoramento e imaxe persoal son outras das vantaxes que se tiveron en conta á hora de deseñar o proxecto. Así mesmo, os membros do equipo coordinador de Crear III xestionan unha bolsa de emprego á que poden optar persoas desempregadas externas ao proxecto.

Éxito das edicións anteriores

Ademais do traballo interno, cara aos propios usuarios de Crear, o equipo responsable fai un labor de contacto coas empresas da área de Compostela, para coñecer as ofertas de traballo dispoñibles na bisbarra e para concertar prácticas profesionais ou, no seu caso, insercións laborais. Un coidadoso cruzamento entre as ofertas recompiladas e os perfís de cada participante garante o envío da persoa máis idónea para ocupar cada un dos postos de traballo dispoñibles. O grao de coñecemento do proxecto Crear por parte dos responsables das empresas a bo seguro facilitará a súa participación como receptoras de futuros traballadores nesta terceira edición.

Precisamente o éxito dos proxectos Crear I e Crear II, nos que se acadaron porcentaxes de inserción superiores ó 70%, fixo imprescindible a posta en marcha desta terceira edición, cuxo remate está previsto para maio de 2007. Ademais, nesta ocasión ampliouse de 75 a 100 o número de usuarios, nun intento de achegar as posibilidades de inserción laboral á maior cantidade posible de persoas.

Para esta terceira edición de Crear, o departamento de Promoción Económica dispón dun equipo de seis técnicos (dúas educadoras sociais, dúas traballadoras sociais e dous graduados sociais), que son os encargados de orientar ao colectivo participante na súa busca activa de emprego, de seleccionar as accións formativas máis útiles e de contactar coas empresas para acadar a inserción efectiva dos candidatos.

Compartir: