CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este venres o concerto conmemorativo do 25º aniversario do Auditorio de Galicia

15/10/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana dous concertos. O primeiro será o venres en Santiago, ás 21:00 horas, para conmemorar o 25º aniversario do Auditorio de Galicia. E o sábado a orquestra actuará no Palacio da Ópera da Coruña, ás 20:00 horas. En ámbalas citas levará a batuta o director titular e artístico da agrupación, Paul Daniel.

O concerto comezará coa obra Chain I, de Witold Lutoslawski (1913-1994), considerado o compositor polaco máis eminente despois de Chopin. Segundo declaraba el mesmo, quería "pescar almas" coa súa música. Elixiu a palabra chain (cadea) para referirse a un modelo de composición que descubriu nos anos 80 e que describe como un traballo escrito como unha estrutura con dúas partes independentes; no interior de cada unha delas as seccións empezan e rematan en diferentes momentos e en medio de cada sección comeza a seguinte e así sucesivamente, simbolizando os elos dunha cadea.

A continuación, a orquestra interpretará o Concerto para piano nº 1 do compositor polaco Frédéric Chopin (1810-1849). Para os artistas do século XIX, o piano era o perfecto medio de expresión dos sentimentos propios do Romanticismo. Esta peza xorde no verán de 1830 e estreouse ese mesmo ano en Varsovia con Chopin ao piano.

Os músicos estarán acompañados nesta obra polo pianista Nicholas Angelich. Nacido nos Estados Unidos en 1970, comezou a estudar piano coa súa nai aos cinco anos. Aos sete ofreceu o seu primeiro concerto e aos trece ingresou no Conservatorio Nacional Superior de Música de París. Ao longo da súa carreira recibiu multitude de premios en certames internacionais. En 2003 debutou coa Filharmónica de Nova York no Lincoln Center e en abril deste ano realizou unha xira por Xapón coa Orquestra Nacional de Francia.

Angelich ten actuado con orquestras de Norteamérica, Francia, Suíza, Alemaña, Suecia, Holanda, Reino Unido, España, Rusia, Corea do Sur, Xapón ou China, baixo a dirección dos mestres máis prestixiosos. Grande intérprete do repertorio clásico e romántico, tamén se interesa por toda a música do século XX.

De Polonia a Finlandia
O concerto rematará coa renovadora Sinfonía nº 3 de Jean Sibelius (1865-1957), pai do nacionalismo musical finés. Reflicte nos seus primeiros acordes a influencia da música folclórica do seu país, na que o compositor indagou de maneira particular.

Encontro previo con Paul Daniel
Antes da celebración do concerto de Santiago, o director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel, manterá unha charla cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de xeito informal e distendido. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: