DEPORTES

Maratón deportivo solidario no Multiúsos Fontes do Sar con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama

15/10/2014 O Multiúsos Fontes do Sar acollerá este domingo 19 de outubro, de 18:00 a 21:00 horas, o maratón deportivo solidario Pink Power, con motivo da celebración do Día Mundial contra o Cancro de Mama. Haberá clases dirixidas de zumba, capoeira e bodycombat na pista central do recinto, ademais de actividades para os máis pequenos. A inscrición supón un donativo de 5 euros, destinados integramente á Asociación Española contra o Cancro (AECC).

A concelleira de Servizos Sociais e Deportes, María Corral, acompañada de Antonio Guerrero, vicepresidente da Xunta Local de Santiago da AECC, e de Samuel Seoane, investigador sobre o cancro da USC, presentou esta xornada solidaria. Durante a mesma, os participantes poderán participar en clases dirixidas de zumba, unha disciplina de exercicios de baile inspirados na música latina, cunha mestura de música internacional creada por produtores de prestixio. Tamén haberá unha sesión de capoeira, a antiga danza brasileira, que se remonta a varios séculos de antigüidade e na que se combinan as artes marciais coa enerxía do entroido carioca. As clases completaranse co bodycombat, un programa de adestramento cardiovascular inspirado nas artes marciais, co que se liberan grandes doses de adrenalina.

Para os máis pequenos estará dispoñible o Multixogo, o parque infantil que abre todos os domingos pola tarde no Multiúsos Fontes do Sar. Haberá inchables, camas elásticas, xogos e obradoiros para nenos de ata 12 anos e as súas familias.

Inscrición aberta
A inscrición neste maratón deportivo solidario está aberta. Existen tres vías para achegar o donativo de 5 euros: a través do número de conta ES25 2080 5540 3530 4000 3158, indicando no concepto Pink Power; na recepción do Multiúsos Fontes do Sar e na mesma entrada o día do evento.

Todos os inscritos recibirán unha gorra conmemorativa rosa. Para recollela, tan só deberán presentar o xustificante bancario ou o resgardo do seu donativo na entrada ao evento. A organización anima a levar esta gorra posta durante o maratón.

Á achega pola participación dos inscritos destinada á AECC sumarase outra de XADE, que doará 1.000 euros para contribuír tamén á loita contra o cancro de mama. No espazo da entrada do pavillón haberá un expositor de AECC con información sobre o tema. Alí tamén se poderán adquirir outros elementos conmemorativos do evento, como gafas de solo ou pulseiras.

Partido do Río Natura Monbus Obradoiro
Este expositor da AECC estará tamén instalado con motivo do partido que na mañá deste mesmo domingo, ás 12:15 horas, disputarán o Río Natura Monbus Obradoiro e o Gipuzkoa Basket. Será tamén un bo momento para que os interesados se inscriban no maratón da tarde.

Os que o desexen tamén poderán deixar as súas mensaxes de apoio nunha cortiza instalada pola AECC. Ademais, venderanse rifas a 1 euro na entrada, cuxo destino será tamén a AECC. Como agasallo entregarase unha pulseira conmemorativa.

Indicadores
Antonio Guerrero ofreceu na rolda de prensa algúns datos sobre o cancro de mama, que representa o tipo de cancro máis frecuente na muller, cunha incidencia anual de máis de 22.000 casos en España (28,5% de todos os tumores femininos).

A maioría dos casos diagnostícanse en idades comprendidas entre os 35 e os 80 anos, cun máximo entre os 45 e os 65. Aproximadamente unha de cada oito mulleres presentará esta enfermidade ao longo da súa vida.

A supervivencia por cancro de mama mellorou notablemente nos últimos 15 anos (anualmente increméntase a supervivencia por este tumor un 1,4%). A supervivencia global aos 5 anos do diagnóstico deste tumor é do 82,8% en España, por riba da media europea e similar aos países coas melloras cifras de supervivencia.

O diagnóstico precoz é a mellor ferramenta para loitar contra esta enfermidade. A través dos programas de cribado con mamografías pódense diagnosticar os tumores de mama nos estadios iniciais, nos que hai moitas posibilidades de curación. Xeralmente, recoméndase realizar mamografías periódicas a partir dos 45-50 anos.

Cada muller pode reducir o seu risco de forma individual con pequenos cambios no seu estilo de vida, como previr a obesidade cunha dieta axeitada e con exercicio diario, o que cobra maior importancia tras a menopausia.

Documentos relacionados



Compartir: