CULTURA

"Ukelele Kit Project": intervención artística, música e vídeo arredor do ukelele

14/10/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, inaugura este mércores a mostra ‘Ukelele Kit Project’, unha exposición colectiva e multidisciplinar na que participan preto de 30 creadores galegos ou vencellados a Galicia e que xira arredor do ukelele. Será ás 20:00 horas na Zona C e a concelleira estará acompañada pola comisaria da mostra, Matilde Rodríguez.

Nesta intervención artística poderanse ver dez ukeleles desmontables propostos por dez artistas, ademais de dez vídeos nos que os realizadores recollen a proposta musical de dez grupos que adaptan un dos seus temas a este instrumento. O proxecto preséntase baixo o formato de exposición+festival de música, polo que ademais da mostra haberá concertos do 4 ao 30 de novembro.

Que sexa un ukelele o nexo de unión, un instrumento que nada ten de galego é, sen dúbida, a parte máis divertida deste proxecto e, tamén, a súa sinal de identidade; un instrumento que ao non ter ningunha carga tradicional nin estética detrás, dálle total liberdade aos artistas á hora de intervilo, configurándose coma un atípico lenzo en branco que lles permite ceibar a súa creatividade. Ademais, o ukelele utilizado nesta exposición ten a peculiaridade de que é un ukelele montable, que ten a súa orixe nun dos produtos de máis éxito da web O Gato Cósmico, impulsora deste proxecto. Un produto englobado na filosofía D.I.Y (Do It Yourself = faino ti mesmo), na que o consumidor participa na fase final da montaxe creando un obxecto único mediante a súa customización.

Así, propúxoselle a dez artistas que interviñeran, decoraran e montaran un destes ukeleles montables, dando lugar a unha colección de dez pezas únicas moi diferentes entre si e que mostran os diversos estilos dos seus creadores. Logo diso e, aludindo ao carácter musical que a propia peza ten, propúxoselle a 10 grupos musicais tocar unha canción do seu repertorio utilizando un dos ukeleles da colección, adaptándoa ao instrumento e creando unha versión nova dunha canción xa existente. Por último, propúxoselle a dez realizadores audiovisuais facer os vídeos das dez cancións resultantes, dez vídeos que, partindo dunha idea moi sinxela, mostran a calidade e a creatividade dos seus realizadores.

O núcleo fundamental do Ukelele Kit Project son os dez ukeleles intervidos e montados polos dez artistas participantes no proxecto. Dez artistas que foron elixidos en relación á calidade do seu traballo e buscando sempre a orixinalidade, a frescura e a mestura artística no ámbito da creación contemporánea máis actual. Son: Cinta Arribas (Santiago de Compostela), Eme ( A Coruña), Jano ( A Coruña), María Novoa (Ourense), Marcos Vigo (Lugo), Martita Pelusa (Pontevedra), Pablo López Blanco (Ferrol), Pelucas (Vigo ), Raúl Bermúdez (Vigo) e Rebeca Losada (Lugo).

Concertos en novembro
O UKP propón tamén un ciclo de concertos no que poderemos ver a seis dos grupos que expoñen a súa música adaptada ao ukelele dentro da mostra. Son seis grupos musicais representativos das novas tendencias que se están a dar en Galicia dentro do panorama musical. Músicos que tocan en galego, castelán ou inglés e que se engloban dentro de diferentes estilos como o electropop, indie, folk, surf, pop, rock ou mod: Apenino (Santiago de Compostela), The Winning Numbers (A Garda), Camarada Nimoy (Vigo), Linda Guilala (Vigo), Os Amigos dos Músicos (Ourense) e Ataque Escampe (Santiago de Compostela) e concerto extraordinario de Víctor Coyote que pechará o ciclo de concertos.

Compartir: