ALCALDÍA

O alcalde destaca o impacto de WOMEX, que converterá Santiago de Compostela en "capital mundial das músicas do mundo"

15/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu na Cidade da Cultura á presentación de WOMEX, a exposición de músicas do mundo que se celebrará na cidade do 22 ao 26 de outubro. Destacou o "evidente impacto" deste evento, que durante uns días converterá a Santiago en "capital mundial das músicas do mundo".

Agustín Hernández referiuse ás "abafadoras" cifras de Womex: 2.700 asistentes de máis de 100 países, 300 músicos de 40 países, 270 stands con máis de 600 empresas, 330 xornalistas, 160 emisoras de radio ou 60 actuacións. De aí que Santiago vaia ser, durante cinco días, "a meta dunha peregrinación multitudinaria e multicultural, que concentra na nosa cidade os sons propios e diferenciais de medio mundo", dixo.

Afirmou acoller con entusiasmo e co máximo apoio municipal esta nova edición de WOMEX, que sitúa a Compostela na relación das máis importantes capitais europeas que acolleron esta exposición. Neste sentido, lembrou que Santiago conseguiu ser sede deste evento fronte a cidades como Dublín, Madrid ou Valencia. "Pero quizais ningún lugar como Santiago para reflectir o espírito universal da música, a evolución e a influencia cultural dos sons que definen un pobo e unha terra", apuntou o alcalde.

Plataforma da cultura galega
Nesta liña, expresou o seu desexo de que WOMEX, ademais da súa repercusión positiva na economía –deses arredor de 2,5 millóns de euros estimados- e da promoción da música de Galicia, "sirva para dar a coñecer ao mundo unha capital, un país e unha cultura que teñen moito que ofrecer no concerto mundial".

Agustín Hernández reiterou que, para o Concello de Santiago de Compostela, é "un motivo de orgullo e unha oportunidade poder contribuír á celebración desta exposición internacional". Tamén amosou a súa confianza en que "moitos dos artistas que participan na WOMEX deste ano serán nun futuro moi próximo destacadas figuras mundiais da música, seguindo os pasos doutros prestixiosos participantes que proxectaron internacionalmente as súas carreiras dende esta plataforma".

Rematou o rexedor a súa intervención facendo un recoñecemento a Davide Salvado, que representará os novos camiños na música de Galicia dentro da Sección Oficial; a Uxía e Germán Díaz, que mostrarán a calidade de dúas longas traxectorias no apartado das Conexións Atlánticas; e a Xosé Manuel Budiño e acompañantes, que abrirán as portas de WOMEX no concerto inaugural no Auditorio de Galicia. Estendeu este recoñecemento a todos os que "dende os escenarios, dende a organización, dende o patrocinio ou desde calquera lugar, contribúen a que Santiago e Galicia fagan oír nesta exposición, e no día a día, a súa voz e a súa música no mundo".

Ademais do alcalde, participaron no acto, entre outros, o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez; a concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón; a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; Antón Martínez, de Nordesía; Xosé Manuel Budiño, director do Opening Concert; e Cecilia Babarro, de Corporación Hijos de Rivera.

Direccións relacionadas



Compartir: