CULTURA

Teresa Nieto, Premio Nacional de Danza, presenta "Petit Comité" en Compostela dentro do ciclo Teatro & Danza

14/10/2014 O programa Teatro & Danza 2014 ofrece neste mes de outubro dous espectáculos de danza contemporánea: Petit Comité, de Teresa Nieto en Compañía, este mércores, e Best of you, da compañía catalá La Intrusa, o 29 de outubro.

Petit Comité poderá verse mañá mércores, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. Poden mercarse as entradas no despacho de billetes do propio Principal, de 18:00 a 21:00 horas, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com a un prezo de 15 euros. Ademais, o espectáculo está enmarcado no Bono de Danza, mediante o cal se poden escoller catro espectáculos do programa e aplicaráselle a cada un deles un 20% de desconto.

"Dende os meus cuarteis de inverno escribín estas seis notas para que as leas na miña ausencia. Son pequenos poemas elaborados só con luz e carne. Para ti seis buscas, seis desexos, seis emocións, seis encontros, seis estados, seis vivencias... seis evanescencias que espero recordes. Algún día afastarannos, chegará ese momento. Só pido que me deixen conservar un tempo máis os meus instrumentos de contar. Se o consigo seguirei escribindo poemas no aire con corpos prestados e emocións propias". Así resume o seu Petit Comité a veterana Teresa Nieto (Premio Nacional de Danza 2004 e galardoada repetidamente nos Premios Max).

Compartir: