TURISMO

O 2014 xa é o mellor ano da historia do aeroporto de Santiago en pasaxeiros en conexións internacionais

14/10/2014 O aeroporto de Santiago xa superou en setembro o seu máximo histórico de pasaxeiros nas súas conexións internacionais regulares, que se alcanzou o ano pasado con 350.579. Entre xaneiro e setembro, as conexións internacionais do aeroporto moveron 362.364 pasaxeiros, un 32,10% máis que no mesmo período do ano anterior.

O aeroporto de Santiago vai camiño de superar por primeira vez na súa historia os 400.000 pasaxeiros anuais nas súas conexións internacionais regulares e conseguir así o obxectivo marcado polo Concello para o 2014. Ata o pasado 2013, o aeroporto nunca conseguirá pasar dos 300.000 pasaxeiros nas súas conexións internacionais.

O anterior máximo histórico se conseguira no ano 2007, cando se alcanzaran os 296.059 pasaxeiros. Non obstante, a partir deste ano comezou un período de caída e estancamento no tráfico internacional do aeroporto. Por exemplo, no 2011 os pasaxeiros nestas conexións baixaron ata os 219.993.

O crecemento de pasaxeiros nas conexións internacionais no que vai de ano é de 88.053. Este crecemento apóiase en dúas variables complementarias. Por unha banda, á incorporación das novas rutas de Vueling a Bruxelas, Amsterdam e Roma, que sumaron 35.627 pasaxeiros. Por outra banda, á ampliación de frecuencias e á mellora de datos xeneralizadas nas dez conexións internacionais xa existentes no 2013, que suman 52.426 novos pasaxeiros ata setembro.

No mes de setembro, o tráfico nas conexións internacionais regulares do aeroporto de Santiago foi de 51.558 pasaxeiros. Esta cifra representa un aumento do 31,82% respecto dos 39.111 pasaxeiros que houbo no mesmo período do ano pasado neste tipo de conexións.

Compartir: