ALCALDÍA

O Concello acomete unha rebaixa xeral de impostos para os composteláns

14/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a posta en marcha dun plan de modificación das ordenanzas fiscais municipais, co obxectivo de introducir un plan de rebaixa xeneralizada de impostos aos cidadáns de Santiago de Compostela. Así se aprobou nunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno, tras a cal compareceron o rexedor e o concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga.

Estas medidas de redución da presión fiscal son posibles grazas a unha situación financeira do Concello que "nos permite encarar o vindeiro ano nun escenario moi positivo", indicou o alcalde. Así, lembrou, "temos un superávit de máis de 5 millóns de euros, e a débeda baixou dos 64 millóns en 2010 aos 48,6 millóns, diminuíndo a carga financeira por habitante en case 170 euros. Ademais, o período de pago a provedores está en mínimos históricos, cunha media de 57 días fronte aos 142 de 2011".

Polo tanto, explicou Agustín Hernández, "estamos en disposición de aplicar no ano 2015 un conxunto de 11 medidas destinadas a baixar os impostos municipais e a reducir a carga fiscal ao cidadán por parte do concello". Trátase de medidas que contemplan a baixada xeral do IBI e importantes bonificacións no cobro do mesmo; o apoio a sectores estratéxicos na nosa cidade como a construción e o turismo; o fomento do emprego e medidas de carácter social para colectivos como familias numerosas ou beneficiarios de vivendas de protección autonómica.

Estas once medidas sumaranse outras tres accións complementarias que o Concello vai poñer en marcha para fomentar o fraccionamento do IBI; para axustar o calendario fiscal e así facilitar o seu pagamento; e para o fomento da domiciliación bancaria dos recibos. "Todo isto vai permitir unha mellor planificación económica do contribuínte, maior prazo para o pagamento dos impostos e tamén maior comodidade á hora de aboar os recibos" indicou o alcalde.

"Os cidadáns deben saber que todas estas medidas son posibles grazas a boa saúde financeira que o Concello de Santiago ten nestes momentos", insistiu, explicando que "o que as arcas municipais deixarán de percibir por esta rebaixa de impostos ascende a uns 5,5 millóns de euros, é dicir, unha cifra case idéntica ao superávit que nos deixou a conta xeral do consistorio".

Impacto positivo de 5,5 millóns de euros
Deste xeito, apuntou, "os axustes e os sacrificios que necesariamente houbo que realizar para conseguir a estabilidade orzamentaria están xa a evidenciar os seus efectos positivos. Estamos a falar de 5,5 millóns de euros, cun aforro medio por veciño de 60 euros, que terán un impacto positivo en Santiago: 5,5 millóns que o Concello deixará de recadar e que sen dúbida reverterán na súa maior parte na propia cidade".

Estes sacrificios, recordou, traducíronse nunhas medidas de contención do gasto iniciadas en xullo de 2011 e concretadas no plan de axuste. Agora, e de xeito paralelo á elaboración dos orzamentos de 2015, "poñemos en marcha a primeira rebaixa xeral de impostos que se fai neste Concello en moitos anos", dixo, cun paquete de 11 medidas que inclúen baixada de impostos, conxelación de taxas e novas bonificacións, ademais do aumento dalgunhas xa existentes.

"Queremos que este plan de rebaixa de impostos entre en vigor o 1 de xaneiro", indicou. De aí a reunión extraordinaria da Xunta de Goberno para por en marcha a tramitación da modificación das ordenanzas fiscais. Así, anunciou que en breve se convocará un pleno extraordinario para aprobar inicialmente este plan de rebaixa de impostos. Logo dun mes de exposición pública, as medidas volverán ao Pleno para que lle dean o visto bo definitivo no mes de decembro.

Baixada de IBI, ICIO e Plusvalía
O concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, foi o encargado de explicar cada unha das medidas, entre as que destaca a baixada de impostos, entre eles o IBI (Imposto de Bens Inmobles), cuxo tipo impositivo pasará do 0,57 ao 0,54, continuando a senda de baixada iniciada o pasado ano, cando se pasara do 0,60 ao 0,57.

Tamén se reducirá o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), pasando o tipo vixente do 2% ao 1,9%, e o Imposto de Plusvalías (por venda de inmobles), cun tipo que pasará do 26% ao 22%. Calcúlase que da primeira medida se beneficiarán unhas 1.200 solicitudes de licenza e, da segunda, unhas 4.000 liquidacións.

Impulso a sectores estratéxicos
Outro tipo de medidas teñen como obxectivo o impulso de sectores estratéxicos. Nesa liña van dúas novas bonificacións fiscais do IBI: do 50% para inmobles declarados monumento histórico de interese cultural con actividade económica, e do 75% para inmobles de organismos públicos de investigación e de ensino universitario.

Para fomentar o sector da construción e inmobiliario, auméntase a bonificación dos inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria (obra nova ou rehabilitación), pasando do 50% ao 70%. Tamén se incrementa do 30% ao 95% a bonificación do ICIO para construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal. E para favorecer o emprego, a aquelas empresas que teñan incrementado o seu cadro de traballadores con contrato indefinido aumentaráselles a bonificación do IAE entre un 5% e un 15% .

Medidas sociais
Os demais incrementos das bonificacións do IBI teñen un fin marcadamente social. Así acontece co aumento de tres anos máis da bonificación do 25% prevista para vivendas de protección autonómica (VPA), unha medida da que se poderán beneficiar unhas 1.400 vivendas.

O Concello tamén aumentará un 10% a bonificación do IBI para familias numerosas. Finalmente, e aumentarase a bonificación do IBI (entre un 5% e un 15% para os bens inmobles que carezan de servizos básicos.

Fraccionamento, calendario fiscal e domiciliación
Outra novidade destacada no eido fiscal será o cambio das datas de fraccionamento do IBI para aqueles contribuíntes que se acollan a esta posibilidade. As novas datas serán os días 5 de xullo, setembro e novembro (ata agora eran os días 5 de maio, agosto e novembro). Segundo explicou o concelleiro de Facenda, esta medida busca unha maior separación temporal co imposto de vehículos (marzo-maio), a unificación co novo calendario de pago voluntario, afrontar os meses de maiores necesidades económicas (xullo e decembro) e evitar o mes vacacional de agosto.

Prodúcese, en consecuencia, un axuste do calendario fiscal do IBI. Ao igual que no caso do devandito pago fraccionado, cambian as datas do pago voluntario, pasando a ser o 5 de xullo e o 5 de setembro (ata agora eran o 5 de abril e o 5 de xuño).

O Concello tamén seguirá fomentando a domiciliación, neste caso propiciando que o abono dos recibos domiciliados se realice o último día de pago. Os contribuíntes terán así un maior prazo ata o pago do imposto e para a súa planificación económica.

Compartir: