CULTURA

As arpistas Frédérique Cambreling e Bleuenn Le Friec protagonizan a estrea en España de "Freud", de Karlheinz Stockhausen

13/10/2014 As arpistas Frédérique Cambreling e Bleuenn Le Friec protagonizan a estrea en España de Freude, unha obra concibida por un dos grandes mestres da vangarda musical da segunda metade do século XX: Karlheinz Stockhausen. Será este martes 14 de outubro, a partir das 20:30 horas, na igrexa da Universidade, nun concerto baixo o título Freude_Stockhausen: "alegría" para dúas arpas. A entrada ao concerto será de balde, previa retirada de convite no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de 18:00 a 21:00 horas, ou na igrexa da Universidade dende unha hora antes do comezo do mesmo

Klang, die 24 Studen deas Tages (Son, as 24 horas do día) é un ciclo no que o compositor Karlheinz Stockhausen estivo a traballar dende o ano 2004 ata o seu falecemento en 2007. O ciclo, que o seu autor non puido rematar, tiña que constar de 24 pezas de música de cámara. Cada unha das pezas representa unha hora do día e Freude (Alegría) é a segunda hora do ciclo. A súa estrea tivo lugar o día de Pentecoste de 2006 na Catedral de Milán.

Freude baséase nun famoso texto relixioso: Veni Creator Spiritus. As dúas arpistas teñen que cantalo e recitalo á vez que tocan. Este himno está dividido en 24 frases sobre as cales Stockhausen compuxo 24 momentos musicais. Polo tanto, a segunda hora do ciclo é como un día enteiro dentro dunha hora do día. Stockhausen imaxinou dúas arpas diatónicas que ao reunírense formarían unha soa "macro-arpa" cromática. Esta idea permitiulle liberarse das restricións do xogo de pedais e aproveitar os recursos sonoros do instrumento do mellor modo posible. O dispositivo electro-acústico avala toda a expresión instrumental e vocal e permite especializar o son para que todo o público poida gozar da obra de xeito equilibrado.

A través deste "himno da alegría", onde escoitamos unhas técnicas instrumentais moi variadas xunto con voces que cantan, murmuran e berran, descubrimos unha das obras fundamentais do repertorio escrito para arpa no século XX. Frédérique Cambreling e Bleuenn Le Friec fanse cargo nestas Xornadas de Música Contemporánea da estrea en España de Freude.

Frédérique Cambreling
Actualmente compaxina a súa actividade como solista e o posto de primeira arpa no Ensemble Intercontemporain, ao que pertence dende 1993. En música de cámara cabe destacar a súa dedicación ao Trio Salzedo, do que é membro fundador. Cursou os seus estudos musicais en Francia e obtivo varios premios internacionais antes de ser nomeada primeira arpa da Orquestra Nacional de Francia, onde traballou de 1977 e 1986. Entre 2002 e 2011 impartiu clases en Musikene (San Sebastián) e actualmente ensina didáctica instrumental no Conservatorio Nacional Superior de Música de París.

A súa paixón pola diversidade de expresións inherente ao seu instrumento permitiulle participar en numerosos acontecementos musicais a nivel internacional. Nos últimos anos ten sido convidada a tocar como solista con formacións como SWR Freiburg, Konzerthaus Orchester Berlin, Bayerische Rundfunk, Orquestra de Cámara de Noruega, Orquestra de Picardía, Orchestre National de Lyon, Orquestra de Euskadi, Orquestra Filharmónica de Turín etc. Como solista estreou un considerable número de composicións de autores como Wolfgang Rihm, Philippe Boesmans, Luis de Pablo, Andreas Dohmen, Philippe Schoeller, Ton That Thiet, Frédéric Pattar, Gérard Buquet e Philippe Boesmans. Realizou varias gravacións que cobren gran parte do repertorio artístico para arpa.

Bleuenn Le Friec
Nacida en Bretaña en 1984, aos seis anos empeza a tocar a arpa celta. En 2003 licenciouse en musicoloxía e comezou o estudo da arpa clásica. En 2004 inicia a carreira de arpa en Musikene (San Sebastián) con Frédérique Cambreling e completou a súa formación nos conservatorios de Detmold e Frankfurt con Godelieve Schrama e Françoise Friederich. Foi integrante da JONDE, da Gustav Mahler Jugend Orchester e da Verbier Festival Orchestra. En 2009 foi seleccionada para tocar Répons, de Pierre Boulez, baixo a dirección do propio compositor. Entre 2011 e 2013 foi arpa solista da Neubrandenburger Philarmonie.

Actualmente combina a súa actividade docente como profesora de arpa na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela con frecuentes colaboracións con orquestras (Sinfónica de Castilla y León, Orquesta de Euskadi, Real Filharmonía de Galicia, Sinfónica de Galicia, Gran Teatre del Liceu, Ópera de Frankfurt, Opéra National de Bordeaux, Bremen Philarmoniker) e con ensembles de música contemporánea (Ensemble Intercontemporain, Ensemble Interface).

Ángel Faraldo, dispositivo electro-acústico
Nacido en Ferrol en 1980, é un músico experimental comprometido coa creación, a promoción e o ensino da música actual. Activo como compositor e improvisador, a súa obra complétase con instalacións sonoras, accións site-specific e deseño de son para teatro, danza e ópera. Está interesado na exploración sistemática de procesos que maximizan recursos mínimos, como se materializa no seu ciclo The Feedback Study Series (2010-2013), o seu sintetizador dixital MISS (2009) ou a súa concepción da no-input mixer. Ten colaborado con colectivos como POW Ensemble, Opera2day ou Modelo62 e artistas do talle de Ana Ladas, Matteo Marangoni, Ezequiel Menalled, Tanja Smit, Yolanda Uriz ou Raoul van der Weide.

O seu traballo teno levado a festivais e centros de Europa e Norteamérica, como Deep Wireless (Canadá), Spark (Estados Unidos), Audio Art (Polonia), Gaudeamus Muziekweek, November Music, STEIM, Bimhuis y Koninklijke Schouwburg (Holanda), Biennial of Contemporary Music Koper (Italia), SINKRO, In-Sonora, Festival Via Stellae y CGAC (España), ElectroMediaWorks (Grecia), Le104 (Francia) ou The Vortex (Gran Bretaña). Ademais, desenvolve un intenso labor como intérprete e realizador de música electrónica en vivo e de asesoramento e desenvolvemento de ferramentas dixitais para instrumentistas e compositores. Dende 2010 conduce o Instituto Galego de Sonoloxía. Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid e no Instituto de Sonoloxía da Haia. Actualmente é candidato de doutoramento no Music Technology Group da Universidade Pompeu Fabra (Barcelona).

Compartir: