ECONOMÍA

O Cersia acolle unha xornada sobre as novas bonificacións á Seguridade Social para empresas por persoal investigador

13/10/2014 A concelleira de Emprego, Reyes Leis, presentou a Xornada "Bonificacións á Seguridade Social por persoal investigador: entrada en vigor", impartida por EQA (entidade certificadora acreditada por ENAC) e que se celebrará no edificio Cersia este mércores, 15 de outubro, entre as 11:00 e as 13:30 horas. Javier López, responsable de EQA en Galicia, explicou os detalles desta sesión, dirixida fundamentalmente a centros tecnolóxicos, clusters e PEMES innovadoras.

Esta xornada ten por obxectivo aclarar as dúbidas respecto á entrada en vigor do Real Decreto 475/2014, en virtude do cal e mesmo con carácter retroactivo, as empresas poderán obter deducións nas súas cotas á Seguridade Social por contar con traballadores dedicados cando menos nun 85% do seu tempo a actividades de I+D+i. Esta dedicación debe ser acreditada por unha entidade certificadora.

A propia Reyes Leis será a encargada de abrir a Xornada ás 11:00 horas deste mércores. A continuación, José María Peláez, da Subdirección Xeral de Fomento da Innovación Empresarial do Ministerio de Economía e Competitividade falará sobre a recuperación das bonificacións na cotización á Seguridade Social do persoal investigador e a compatibilidade coa dedución por actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica para as PEMES innovadoras. O peche da Xornada, antes dos rogos e preguntas, corresponderá a Paqui Giménez, directora comercial de EQA, quen explicará o proceso de certificación do persoal investigador.

EQA xa realizou unha xornada como esta en Madrid, con máis de 120 asistentes. Proximamente tamén terá sesións en Sevilla, Valencia e Barcelona.

Compartir: