DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Alumnos da USC realizarán unha actividade docente na Finca do Espiño

12/10/2014 Cento dezasete alumnos de cuarto do Grao en Bioloxía da USC realizarán durante catro días un inventario forestal das especies que se atopan na Finca do Espiño.

Dentro da materia Ecoloxía III, os estudantes calcularán diferentes variables ecolóxicas, como densidades, parámetros demográficos, distribución espacial, diversidade biolóxica, biomasa, estimas de fenómenos de competencia ou proxección de sucesión ecolóxica, que permitirán determinar alturas, diámetros e posicións das diferentes especies vexetais.

O programa desenvolverase durante catro xornadas, concretamente os días 23, 24, 30 de outubro e 7 de novembro.

Aberto ao público
O parque da Finca do Espiño está aberto ao público dende o pasado 12 de agosto. Son 18.000 metros cadrados que se suman aos 47 grandes espazos verdes cos que xa conta a cidade. Está aberto ao público en horario de inverno de 9:00 a 20:00 horas de outubro a marzo.

No acondicionamento investíronse máis de 800.000 euros. Santiago suma así un novo espazo natural, contribuíndo a que a cidade siga sendo unha referencia en número e calidade das súas zonas verdes. Compostela sitúase nun ratio de 23,8 metros cadrados de zonas verdes por habitante e cunha árbore por cada catro habitantes, cifras que están moi por riba das recomendacións dos organismos internacionais, que cifran o ratio recomendable entre 10 e 15 metros cadrados por habitante.

A súa biodiversidade ten unha valiosa riqueza botánica e zoolóxica, cunha carballeira protexida, con vellos camelios e outras árbores exóticas singulares; ademais de contar con espazos para pasear entre rosaledas, un xardín ornamental e zona de pradaría.

Compartir: