NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Foliada das Letras na praza de Cervantes

11/10/2014 A concelleira de Normalización Lingüística, María Corral, participou na Foliada das Letras, organizada dentro da campaña gañadora do II Premio de proxectos de publicidade comercial en galego do Concello de Santiago.

A campaña, que se desenvolve baixo o lema #Xeitos, mil maneiras de dicir, foi deseñada por tres profesionais que están constituíndo a nova axencia de comunicación TresXun: Manu Mahía, Pilar Parada e Lourdes Rivera. O proxecto ten como o obxectivo principal achegar novos potenciais compradores á libraría protagonista, a libraría Couceiro, especializada en libros galegos e en lingua galega.

O cerne da campaña foi un evento público na praza de Cervantes para procurar aumentar a difusión da libraría, ao mesmo tempo que tamén colaborou á difusión da lingua e da lectura en galego.

O evento, programado en paralelo coa tradicional presenza dos libros na rúa que a libraría vén mantendo, tivo como eixe a palabra e a creatividade. Pretendía chamar a atención dos transeúntes invitándoos a escoller unha expresión da nosa lingua e a escribila nos taboleiros que se colocaron na propia praza. Todas as persoas que participaron recibiron un agasallo para recoller no establecemento publicitado, achegándose así a coñecer os seus fondos.

Lectura de textos
As lousas cheas dos mil xeitos de dicir foron unha demostración da riqueza da nosa lingua mais tamén se acompañaron cunha mostra da riqueza creativa do panorama literario, xa que o acto contou coa presenza de escritores e escritoras que compartiron co público anacos dos seus textos e facilitaron tamén o achegamento entre autores e lectores para coñecer de primeira man as súas opinión literarias e os seus gustos.

Esta lectura pública de textos estivo aberta ás achegas espontáneas que se produciron. Por iso, tanto a libraría Couceiro como TresXun convidaron a todas as persoas interesadas a achegarse e participar activamente da Foliada das Letras.

A concelleira María José Corral sumouse tamén á lectura e ao resto das actividades da Foliada.

Esta é a segunda campaña que se executa grazas ao Premio de publicidade comercial en galego, unha iniciativa que a Concellería de Normalización vén convocando para lograr maior presenza do noso idioma na comunicación comercial e á vez incentivar a orixinalidade e a creatividade nas mensaxes publicitarias. O premio está dotado con 5.000 euros para o proxecto que cada ano selecciona un xurado profesional e esixe a implementación da campaña gañadora.

Documentos relacionados



Compartir: