XUNTA DE GOBERNO

O Concello contratará tamén o mantemento e a reparación do pavimento no recinto extramuros do Casco Histórico

10/10/2014 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, abordou diversos asuntos en materia de obras e infraestruturas. Entre eles destaca o inicio do expediente para contratar o mantemento e a reparación do pavimento do recinto extramuros do Casco Histórico e a adxudicación das obras da rúa 25 de xullo. Tamén se aprobou o proxecto de peche perimetral da pista deportiva de Bando e a reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento.

O alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, lembrou que xa se dispón dun servizo de mantemento e reparación dos pavimentos no casco histórico, pero que do mesmo está excluído o recinto extramuros. Con este novo contrato, dixo, "actuarase dentro dos espazos que delimita o Plan Especial, pero en sitios fóra dos muros que delimitan a Cidade Histórica".

"No Concello temos recibido avisos de beirarrúas en mal estado en rúas que se repararían con cargo a este servizo, como por exemplo a rúa do Pombal, que presenta diferentes zonas en mal estado ao longo da beirarrúa", apuntou. De aí a necesidade deste contrato, que arrancará cun informe xeral da situación destas rúas que deberá facer a adxudicataria.

Á vista dos informe e das actuacións que se sinalen como máis urxentes, procederase a realizar un cronograma de actuación nesas rúas. Dispúxose dun crédito para este servizo de 60.500 euros.

Indicou que este contrato vén a complementar ao que esta mesma semana adxudicou o Consorcio de Santiago para actuar no pavimento do recinto intramuros durante este ano, por un importe de 79.134 euros, que é continuación dunha primeira fase xa executada entre os meses de xaneiro e marzo.

"A través destes dous contratos que abranguen a totalidade do núcleo histórico, intra e extramuros, poderase responder á demanda real de mantemento destes lousados, transcendentais no espazo público do casco histórico compostelán", afirmou Agustín Hernández.

Rúa 25 de xullo
Por outra parte, a Xunta de Goberno adxudicou as obras de mellora da rúa 25 de xullo, na zona das Cancelas, de xeito que os traballos poderán comezar en cuestión de días. Explicou o alcalde que, con esta actuación, aténdese unha repetida demanda dos veciños, aos que se lles informou con detalle do proxecto.

Esta obra vai completar as beirarrúas das que carece en parte a rúa, mellorando a súa urbanización, coa definición de espazos peonís e para o tráfico rodado no tramo que, dende as proximidades do centro comercial conecta co cámping das Cancelas.

O proxecto vai servir para renovar o pavimento da rúa e os servizos subterráneos, coa ocultación do cableado, nun ámbito ao longo de preto de 400 metros, incluíndo a introdución de arborado no seu primeiro treito. A obra adxudicouse á empresa Unika Proyectos y Obras (SAU) por 190.938 euros e ten un período de execución de tres meses.

Peche perimetral da pista deportiva de Bando
Seguindo coas obras, o alcalde deu conta da aprobación do proxecto para o peche perimetral da pista de Bando a súa dotación para uso deportivo, cun orzamento de 31.265 euros e un prazo de execución de catro semanas. "Con esta actuación a pista existente, que tiña carencias, quedará adaptada e acondicionada para a práctica do deporte nunhas magníficas condicións, incluíndo un valado da plataforma con malla de 4 metros de altura", indicou.

Grazas a este peche perimetral, dixo, contarase cunha instalación para o uso dos nenos e mozos de forma segura para eles e para quen transite preto. A pista terá canastras para a práctica do baloncesto e porterías de futbito e balonmán. A actuación inclúe o correspondente pintado da pista.

Cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento
Outro dos asuntos aos que lle deu o visto bo a Xunta de Goberno foi o do proxecto de reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento. Permitirá solucionar os problemas de filtracións de auga mediante a renovación dos sistema de impermeabilización das cubertas.

"Debido aos problemas existentes para a detección exacta da entrada das filtracións, e tendo en conta a súa dispersión, decidiuse que o mellor era proceder á renovación completa da cuberta. Con isto trátase de asegurar que a actuación termine coas filtracións de forma definitiva", explicou Agustín Hernández. Aproveitarase tamén para cambiar os sumidoiros.

A obra, que ten un orzamento de 60.145 euros e un prazo de execución de dous meses, non influirá no uso da cuberta vexetal, que seguirá sendo accesible para os cidadáns.

Campo da festa e pista polideportiva en Angrois
A Xunta de Goberno acordou tamén iniciar o expediente para contratar as obras do campo da festa e pista polideportiva de Angrois. Conta cun importe de licitación de 151.888 euros e un prazo de execución de tres meses. Esta é a primeira das tres actuacións programadas polo Goberno local para esta parroquia compostelá e o alcalde agarda que poida estar adxudicada no prazo duns dous meses.

A segunda intervención prevista, que xa ten aprobado o seu proxecto básico e de execución, é o acondicionamento dunha zona de descanso para peregrinos, parque público e parque infantil, cun orzamento de 100.000 euros. Está iniciado o expediente de contratación, coa previsión de licitalo en cuestión de semanas. Neste futuro parque instalarase un conxunto de cantería, por un importe superior aos 7.600 euros, que sufragará a Deputación de Pontevedra.

A terceira actuación programada en Angrois é o proxecto do almacén para a Asociación de Veciños de Angrois, cun orzamento estimado de 50.685 euros. Está pendente de aprobación á espera de que o ADIF tramite a modificación dunha aliñación no terreo previsto para a súa construción.

Prórroga do mantemento do parque de Salgueiriños
Finalmente, o Goberno local aprobou a prórroga so servizo de mantemento do parque de Salgueiriños, reservado a centros especiais de emprego. Este servizo é prestado pola empresa Coregal Parques e Xardíns S.L.

As cláusulas do contrato permiten a prórroga do mesmo, polo que, de acordo ao informe favorable dos técnicos municipais, amplíase o servizo ata o 16 de outubro de 2015, cun custo total de 96.056 euros, para manter os preto 70.000 metros cadrados de zona verdes existentes neste parque de Salgueiriños.

Documentos relacionados



Compartir: