ALCALDÍA

Agustín Hernández recibiu en Raxoi unha representación de The Georgian Group

10/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu en Raxoi un grupo de asociados de The Georgian Group, unha organización especialista na arquitectura histórica con máis de 35.000 membros en todo o mundo.

The Georgian Group é unha organización conservacionista nacida en Londres en 1937 para facer campaña sobre a preservación de edificios históricos e paisaxes planificados nos séculos XVIII e XIX. Actúa como unha consultora legal nos procesos de planificación en Inglaterra e Gales, cando afectan a edificios catalogados datados entre 1700-1840.

Boa parte do seu labor baséase no voluntariado, aínda que ten tamén traballadores sociais adscritos. O seu radio de acción circunscríbese fundamentalmente a Inglaterra, Gales e Centroamérica. The Georgian Group publica obras para o coidado e conservación de edificios e interiores de estilo xeorxiano. En Galicia, o grupo está coordinado dende o hotel compostelán Quinta da Auga.

Visita a Galicia
Durante o mes de outubro, unha representación de The Georgian Group visita Galicia interesada pola riqueza palaciana da Comunidade. Tomando como centro da súa estancia Santiago de Compostela, coñecerán diferentes pazos de Galicia, como os de Liñares e Bendeiro, na comarca do Deza.

Aínda que os pazos galegos se adscriben ao barroco, estilo que non contou con moito éxito en Gran Bretaña, que se decantou polo neoclasicismo, ambos tipos de edificacións teñen en común o seu período construtivo (os pazos galegos van do XVII ao XIX), a vinculación de moitos deles coas explotacións agrogandeiras, o seu carácter de residencias da nobreza e a súa actual inclinación a converterse en casas de turismo de calidade para manter e garantir a súa conservación.

Moitos pazos galegos presentan, como as casas xeorxianas, antigos xardíns de gran beleza, con árbores e plantas exóticas (como a camelia, orixinaria de Oriente), estanques e construcións adxectivas singulares como capelas ou pombais que lles confiren un carácter singular. Preto de Santiago existen moitos exemplos, entre eles os pazos de Oca ou Santa Cruz de Rivadulla.

Neoclásico en Compostela
Dentro da riqueza de estilos presentes na arquitectura de Santiago, entre os que predominan o románico e o barroco, o neoclásico tamén aparece. O principal expoñente é, precisamente, o Pazo de Raxoi, sede do Concello, construído entre 1766-1772 por Carlos Lemaur, por encargo do arcebispo Bartolomé Raxoi. O edificio é de influencia francesa, pero segue o modelo italiano, como o estilo xeorxiano.

O estilo xeorxiano
The Georgian Group defenden o estilo estendido polo período 1720-1840, época na que reinaron os catro reis británicos chamados George. Este estilo veu a substituír o estilo barroco, que en Gran Bretaña non tivo moita aceptación, e supuxo unha volta ás formas clásicas. O seu inicio estivo ligado ao neoclasicismo inspirado na interpretación do renacentista italiano Andrea Palladio (1508-1580). Posteriormente derivou cara o rococó e o gótico vitoriano.

Os arquitectos xeorxianos son seguidores da orde e da proporción nas construcións. Numerosas casas de campo e mansións urbanas dos Lores de Gran Bretaña seguen este patrón, onde destaca a grandiosidade da fachada. Tamén inspirou boa parte dos edificios urbanos de Dublín ou Edimburgo.

Este estilo tamén se comezou a desenvolver en Estados Unidos antes da súa independencia, pero evolucionou cara un estilo autóctono que deu lugar a un neoclasicismo de carácter monumental. Numerosas casas de plantacións e a propia Casa Branca teñen a pegada deste estilo importado de Europa.

Compartir: