ALCALDÍA

A pintora María Jesús Reboredo cede ao Concello dúas composicións panorámicas

08/10/2014 O alcalde compostelán recibiu formalmente os dous cadros cedidos pola pintora María Jesús Reboredo nun acto celebrado no salón nobre de Raxoi. Agustín Hernández agradeceu o agasallo destas dúas pinturas, ás que se lle buscará unha situación axeitada nalgún edificio municipal.

No acto asinouse a cesión dos dous cadros da pintora María Jesús Reboredo Calvo, nacida en Madrid, aínda que veciña desta cidade desde a súa infancia. Trátase de dúas composicións panorámicas, realizadas en óleo, pintadas na década dos 90: un titulado Compostela desde o Sarela e outro co título Compostela desde o Sar, ambos coa medida de 215 x 70 centímetros e formados por tres lenzos unidos entre si.

A autora, dedicada tamén ao labor docente na nosa cidade, posúe unha numerosa obra coa que ten participado en máis de 70 exposicións individuais e colectivas. Ten, ademais, unha longa traxectoria vinculada á vida cultural e social da cidade, posto que participou na fundación da Asociación do Traxe Galego, da que foi presidenta.

Compartir: