TURISMO

Santiago acolle unha exposición canina internacional os días 11 e 12 de outubro

08/10/2014 Os vindeiros días 11 e 12 de outubro de 2014, a Sociedade Canina Galega celebrará as súas 71ª Exposición Nacional Canina C.A.C, 72ª Exposición Nacional Canina C.A.C. & 30 Exposición Internacional Canina C.A.C.I.B no Recinto Feiral de Amio.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o presidente da Sociedade Canina Galega, Manuel Mera, presentaron este evento, que superará os 500 cans inscritos de máis de 150 razas diferentes. A organización repartirá 3.000 entradas nos colexios da cidade para que os máis pequenos poidan tamén gozar desta cita. Para o público en xeral o prezo da entrada é de 3 euros (1 euro para os nenos).

Na xornada do sábado 11 celebrarase a 71ª Exposición Nacional Canina C.A.C. Pola mañá realizaranse os controis veterinarios e os xuízos e, pola tarde, a partir das 15:30 horas, celebraranse as finais e a entrega de trofeos. O programa do día pecharase cunha exhibición de Agility a cargo de Teo Can.

Para o domingo 12 queda a 30ª Exposición Internacional Canina C.A.C.I.B e a 72ª Exposición Nacional Canina C.A.C de Galicia. Novamente o comezo dos xuízos será pola mañá e as finais, entrega de trofeos e clausura pola tarde. Tamén nesta xornada haberá exhibición de Agility.

Nesta edición tamén se celebrará a VI Monográfica Nacional de Bulldog Francés. Os gañadores desta proba converteranse en campións de España. A popularidade desta raza e o alto prezo destes cans fan que esta sexa a proba mais importante do calendario nacional. O número de cans desta raza en competición supera os 120 exemplares, procedentes de España, Francia e Portugal.

Compartir: