TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio promocionarase en Estados Unidos, Rusia e China no último trimestre do ano

07/10/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, asistiu na sede de Turespaña en Madrid a unha reunión da Comisión de Turismo do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A xuntanza estivo presidida por Javier Bello, alcalde de Alcalá de Henares e presidente do Grupo, e contou coa presenza dos concelleiros de Turismo de boa parte das 15 localidades incluídas na Lista do Patrimonio Mundial pola UNESCO.

Na reunión fíxose un repaso do estado dos distintos programas e proxectos que se están a desenvolver no seo da Comisión, nas áreas de Comunicación e Turismo, en cumprimento do Plan Operativo de 2014. Así, ao longo do ano, o Grupo de Cidades Patrimonio estivo presente en catro das feiras turísticas máis importantes do mundo: Vakantiebeurs de Utrecht, Salon des Vacances de Bruxelas, ITB de Berlín, e JATA de Tokyo, foros nos que o Grupo presentou de forma conxunta o seu produto especializado de turismo cultural co selo de excelencia que lle outorga o selo de Patrimonio Mundial da UNESCO.

A acción de promoción exterior dirixiuse a América, Cono Sur (Arxentina, Chile e Perú), e Europa, con presenza en Lisboa, Países Baixos, Bolonia, Nantes, Frankfurt, Shanghai, Cantón e Beijing, con presentacións do produto a axentes de viaxes, público final e prensa especializada.

Celebráronse tamén viaxes de familiarización que permitiron a xornalistas e axentes de viaxes de Singapur, Helsinki, Beijing, Amsterdam, Toronto, Sao Paulo, Miami, Bombay e Tokyo visitar e coñecer de primeira man as 15 cidades Patrimonio da Humanidade. No marco dos convenios de colaboración con Renfe e Paradores lanzouse no mercado internacional unha liña de paquetes que combinan traxectos en tren con estanzas en Paradores das Cidades Patrimonio, co importante maiorista Petrabax como primeiro comercializador.

Cómpre destacar as firmas de convenios de colaboración coa Volta a España, a Organización Mundial do Turismo (OMT), e o Museo Thyssen de Madrid, este último para a comercialización conxunta dos destinos culturais de ambas as dúas entidades. Estes acordos súmanse aos que o Grupo mantén dende hai anos con Renfe,Turespaña e Paradores.

Para o último trimestre do ano concretáronse novas actividades a desenvolver en colaboración con Turespaña, como as presentacións de produto en destino en Estados Unidos (Los Ángeles, Tampa e Orlando) e Rusia en novembro; a participación na Feira de Turismo CITM de Shanghai; novas xornadas de comercialización porta a porta en Alemaña, Países Nórdicos e Reino Unido; viaxes de xornalistas belgas holandeses e brasileiros ás Cidades Patrimonio; e a organización dun encontro de bloggers prescriptores de viaxes en Salamanca e Ávila.

Na segunda parte da reunión, trazáronse as liñas de traballo para a redacción do Plan de Comunicación e o Plan Operativo de Turismo 2015 da rede, que se desenvolverán ao longo do mes para a súa próxima aprobación pola Asemblea de Alcaldes, que terá lugar os días 5 e 6 de decembro en San Cristóbal de La Laguna.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada en 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa e promoción cultural e turística do patrimonio das 15 cidades que o compoñen, cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio Mundial: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: