ALCALDÍA

O alcalde anima os composteláns e a propia Corporación a sumarse á Carreira Pedestre

07/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou na presentación da XXXVII Carreira Pedestre, que se celebrará o domingo 26 de outubro nas rúas de Santiago de Compostela.

Agustín Hernández lembrou a longa historia da Carreira Pedestre dende aquela primeira edición de 1978, indicando que esa historia "é tamén un percorrido pola historia de Santiago e de Galicia a través de 37 anos de esforzo, de sacrificio, de convivencia e de xenerosidade". Ao longo de todas estas edicións foise asentado unha "proba deportiva modélica", na que "a competición é algo secundario, porque aquí si que está presente o ideal olímpico de que o importante é participar", dixo.

Indicou o alcalde que a súa participación por primeira vez en 2009 foi para el un "rito iniciático", xa que "dende entón xa non puiden deixar de correr en canto dispoño dalgún tempo libre". Recordou que naquela primeira carreira fixera o percorrido en 1 hora e 37 minutos e que, dende aí, foi mellorando, ata chegar en 2013 a baixar da hora. Agora, apuntou, "a miña aspiración é continuar nunha zona intermedia, tanto no relativo ao tempo como no relativo ao peso, onde espero poder manterme por moitos anos".

O rexedor municipal aproveitou a súa intervención no acto de presentación para lembrar que, nesta edición, o percorrido desviarase polo Espírito Santo para evitar o paso pola rúa dos Basquiños. "É un contratempo que habería que lamentar, senón fora porque está motivado polos traballos para mellorar dúas zonas da cidade, razón que, confío, todos entendamos e poidamos desculpar", afirmou.

Polo demais, engadiu, "o trazado deste ano segue a ter a mesma esixencia, cun inicio selectivo na costa de Xoán XXIII, un intermedio duro na Esperanza e unha criba final nas costas de Vite, antes de enfiar o longo tramo final pola zona vella, ata a chegada na praza do Obradoiro", unha meta á que, como os peregrinos, "chegaremos con ilusión e satisfeitos do sacrificio realizado".

Agustín Hernández referiuse á Carreira Pedestre como "unha das mellores probas de Galicia e de España", que permite aos veciños de Compostela "participar dunha experiencia inesquecible e compartir esforzo con deportistas de gran nivel españois e internacionais". Finalmente, animou a todos, e en especial aos compañeiros de Corporación municipal, a sumarse a esta iniciativa, que "fomenta o deporte e a convivencia e, sobre todo, que é saudable e divertida".

Direccións relacionadas



Compartir: