CULTURA

Trinta e dúas funcións de vinte propostas diferentes no ciclo Infantil & Familiar

07/10/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a programación do ciclo Infantil & Familiar para este último trimestre do ano. En total son 32 funcións de 20 propostas culturais que ofrecen teatro infantil, música clásica e contemporánea, contos musicais, circo, cinema e títeres. No programa participan a Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal, e algúns eventos están enmarcados noutros ciclos do Departamento de Cultura como Curtocircuíto, Cineuropa ou as Xornadas de Música Contemporánea. Este ciclo, dirixido ás familias, complementa o Programa Didáctico de Cultura dirixido aos centros de ensino.

A programación comezou o pasado mes de setembro con Tarzán, el musical e continúa esta semana coas propostas de Curtocircuíto. Será este sábado no Teatro Principal cando poderemos asistir ás proxeccións de Criaturas, para idades de 6 a 8 anos, e de 14_17, para as idades que o seu nome indica. Sábado tamén será o día no que poderemos asistir á primeira das propostas de aDestempo, o ciclo didáctico, infantil e xuvenil das Xornadas de Música Contemporánea. Será no CGAC co Trío Arbós e Ana de Alvear. O resto do mes teremos outras tres propostas de aDestempo os días 12, 18, 19 e 26 con Zoar Ensemble, Nicasio Gradaille, Joao Ricardo de Barros Oliveira e a Orquestra do Espazo de Cámara da USC dirixida por Mario Diz.

Novembro comeza con Martes, de Baobab Teatro, o día 2 no Auditorio ABANCA, e continua o domingo 9 no Auditorio de Galicia co musical de La bola mágica, en beneficio de Unicef. O día 23 teremos a Banda Municipal de Música cun programa especial de músicas do cinema español enmarcado tamén en Cineuropa e, o 29, a Real Filharmonía de Galicia ofrece o programa En danza coa orquestra, dirixido por Maximino Zumalave e con Rodrigo Romaní de narrador. Ademais, neste mes de novembro teremos no Auditorio ABANCA Roedores, con Redrum Teatro, o día 23, e Os tres porquiños, postos en escena por Educateatro Producións, o día 30.

A Real Filharmonía de Galicia protagoniza o primeiro dos eventos deste ciclo para o mes de decembro cunha cita moi especial. Interpretan o día 13 O Mesías de Haendel nun concerto participativo con coristas afeccionados. O Centro Dramático Galego presenta As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, no Salón Teatro, con nove funcións dos días 13 ao 30. Complétase a programación deste mes con Rumpelstikin, o anano saltarín o día 14, La vuelta al mundo o 21, Potted o 26, El pequeño Verne o 27 e El bosque de Grimm xa o día 29 de decembro. Son propostas de teatro, musica, títeres e circo de compañías galegas e de Cádiz, Euskadi, Valencia, Madrid e Granada. Todas no Teatro Principal agás Rumpelstikin, que é no Auditorio ABANCA.

Das 20 propostas, 8 son de entrada gratuíta. O resto teñen prezos variados e as entradas poden mercarse para todos os eventos no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Ademais poden mercarse tamén en entradas.abanca.com ou 902 434 443 (agás La Bola mágica, que é en Servinova) e nos despachos de billetes de cada un dos espazos onde se celebren os espectáculos.

Documentos relacionados



Compartir: