ALCALDÍA

O alcalde explicoulle aos veciños de Angrois os proxectos en marcha para a parroquia

07/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, desprazouse ata Angrois para manter unha reunión cos seus veciños. No encontro informounos sobre a tramitación dos novos espazos públicos de lecer e de descanso para peregrinos con que contará a parroquia.

Cómpre lembrar que o Concello vai acondicionar unha zona de descanso para peregrinos, parque público e parque infantil como homenaxe permanente ao veciños de Angrois e en lembranza da súa actuación no accidente ferroviario do 24 de xullo do pasado ano. O proxecto ten un orzamento de 99.877 euros e un período de execución de 3 meses.

Este novo parque público virase a engadir ao novo campo da festa e á pista polideportiva, que teñen tamén aprobado o seu proxecto básico e de execución e que contempla un orzamento adicional de 151.888 euros.

Queda por aprobar o proxecto do almacén para a Asociación de Veciños de Angrois, cun orzamento estimado de 50.685 euros, que está pendente de que o ADIF tramite a modificación dunha aliñación no terreo previsto para a súa construción.

Compartir: