CULTURA

O circo británico chega ao Festival d’Gorra

25/08/2006 Penúltimo día do Festival d’Gorra, que aínda depara a novidade da actuación da compañía inglesa Chipolatas, que ofrecerá varios pases ao longo da fin de semana. Unha das últimas oportunidades para gozar na rúa deste evento, que está a congregar a centos de veciños e visitantes.

Chipolatas é unha formación británica de gran prestixio internacional. Traen a Santiago o seu espectáculo "The three style", composto por música en directo, malabares e clown. O seu cometido é montar unha auténtica festa na rúa. Estarán na Quintana ás 17:00 horas e logo no Toural ás 20:00 horas.

Á marxe desta novidade, sucederanse os últimos pases de artistas como Roi o Cagabolas, que estará no Toural ás 18:00 horas. Está asegurada unha divertida combinación de técnicas circenses, maxia, humor e coreografías musicais. Tamén se despide do Festival Pajarito, coa súa exhibición de clown e escapismo.

Ás 19:30 horas estará na Quintana Lupo e, unha hora despois, en Praterías, penúltimo pase de Casi que si. O seu espectáculo titúlase "A volta ao cole" e é unha investigación de novos elementos circenses, humor visual, xestual, acrobático e estúpido. Dous adultos baixiños no seu primeiro día de clase.

A xornada do sábado 26 complétase coa última entrega dos Espazos aéreos na Alameda. Acrobacias aéreas de diverso tipo a cargo das compañías Almacabra, Teatro Deluxe e Duelirium. Tamén na Alameda, nova oportunidade O retrete de Dorian Grey, nunha invitación a converterse en miróns dun mundo surrealista. Ademais, proxectarase o documental "A cuarta pista" de Pela del Álamo. A cita é ás 23:00 horas en Praterías.

Documentos relacionados



Compartir: