DEPORTES

Compostela acolleu os XV Xogos de Atletismo Special Olympics Galicia

04/10/2014 O pavillón do Restollal acolleu a cerimonia de apertura dos XV Xogos Autonómicos de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual Special Olympics Galicia. A concelleira de Deportes, María Corral, inaugurou o evento, que reuniu 370 persoas entre atletas, adestradores, voluntarios e organización.

Nestes Xogos participaron 234 deportistas con discapacidade intelectual de 17 asociacións de toda Galicia, acompañados por 61 adestradores. A asociación de ASPAS, que exerceu de anfitrioa, participou cun total de 5 deportistas e 2 adestradores.

Os Xogos seguen as regras básicas dos eventos deportivos organizados por Special Olympics, establecéndose tres niveis de participación en función dos coñecementos que os deportistas teñen das regras, así como das súas capacidades físicas. Os atletas compiten nas probas de velocidade, medio fondo, fondo, salto de lonxitude, salto de altura, lanzamento de peso, marcha, marcha asistida, ou lanzamento de bola (softball), entre outras.

A celebración destes Xogos segue o cerimonial das celebracións das Olimpíadas. Os deportistas destas 17 asociacións participantes desfilaron ante os presentes e, posteriormente, un deportista da Asociación ASPAS leu o lema dos deportistas de Special Olympics: "Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento". As probas comezaron pola mañá e seguiron na xornada da tarde ata as 19:00 horas.

Premio ás boas prácticas no deporte
Finalizados os Xogos, entregouse o Premio ás Boas Prácticas no Deporte, destinado a enxalzar o comportamento daquela entidade que destaque pola súa deportividade e respecto ás normas e aos seus compañeiros. Cada entidade dispón dun único voto, que efectúa un deportista en nome de tódolos seus compañeiros.

O premio pretende valorar unha serie de boas prácticas, entre as que se inclúen o cumprimento das normas, a nobreza na práctica deportiva, o xogo limpo e o compañeirismo, así como o predominio do sentido deportivo e o respecto. O concelleiro se Seguridad e Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, participou na cerimonia de clausura destes Xogos de Atletismo Special Olympics Galicia.

Compartir: