CULTURA

Arranca a programación de Curtocircuíto

03/10/2014 Este luns comeza a programación do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto. A xornada estará marcada pola presentación da carta branca do Cineclub de Compostela, polo inicio da sección oficial e por un Teatro Principal cheo de rapaces nas sesións infantís da mañá.

O Teatro Principal acollerá ás 11:00 horas as primeiras sesións de cinema infantil para crear canteira entre os máis cativos. Varios colexios traerán aos rapaces ao Principal, en dúas sesións co teatro completo.

Xa pola tarde, ás 17:30 horas, sesión especial para esta tempada postestival na Zona C, denominada Cámping. En moitos festivais atópase una serie de curtas variadas de temática dispar, pero todas situadas neses estraños lugares que son os cámpings. O lecer, os campamentos de verán, a política, a vida… Todo é posible nesas comunidades efémeras.

No mesmo escenario, pero ás 19:15 horas, vez para sección Penínsulas, unha sección panorámica que recolle interesantes películas portuguesas e españolas da tempada que o festival non quería deixar de proxectar. Un conxunto diverso que non busca unha liña definida máis aló do interese de cada obra en si mesma.

O Teatro Principal terá ás 20:15 horas a primeira sesión do programa Radar, da sección oficial, dedicado a acoller todas as tendencias do cinema internacional, cun conxunto heteroxéneo de propostas.

Logo destas proxeccións, ás 22:00 horas, presentarase a Carta branca: Cineclub Compostela. Non se pode entender a vida cultural de Compostela sen a achega imprescindible do Cineclub. Ao igual que Curtocircuíto, levan máis de dez anos programando cine de primeirísimo nivel, e non só fan proxeccións, senón que tamén traen directores, xeran debate e dinamizan a cidade. Nesta sección dáselles carta branca para facer unha selección de autores que, dalgún xeito, foron claves para o Cineclub.

As proxeccións continuarán ás 23:15 horas coa primeira sesión do programa Explora, tamén da sección oficial, dedicado a acoller as propostas máis rompedoras, as caligrafías fílmicas máis persoais.

Direccións relacionadas



Compartir: