ALCALDÍA

As Xornadas de Celebración do Día Mundial da Parálise Cerebral reunen en Santiago a 400 profesionais, familiares e especialistas

03/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu en Razoi a membros da Confederación ASPACE (Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns) e ASPACE Galicia, organizadores da Xornadas do Día Mundial da Parálise cerebral, que se celebran en Santiago o 3 e o 4 de outubro.

Estas Xornadas reúnen a 400 persoas entre profesionais, familiares, especialistas e directivos de asociacións, para analizar as últimas tendencias e a situación actual da parálise cerebral, unha discapacidade coa que conviven 120.000 persoas en España. Michelle Le Mètayer, Toni Puig, Ángel Carracedo e Fernanda Esparza son algún dos expertos que tratarán temas como a alimentación na parálise cerebral, os últimos avances científicos ou a mobilización do voluntariado.

Ademais, Juan Manuel Montilla "El Langui", moderará unha mesa redonda e aportará a súa peculiar visión da parálise cerebral dende a súa experiencia como actor e cantante. Completa o programa un taller de Cidadanía Activa ASPACE, impartido por persoas con parálise cerebral, e a presentación dos programas tecnolóxicos que Confederación ASPACE ten en marcha gracias a Fundación Vodafone España (#ASPACEnet e Valorando Capacidades).

Durante o acto de clausura farase entrega dos IV Premios ASPACE Ipsen Pharma, que coas cinco categorías (Institución Pública, Institución Privada, Boas Prácticas, Traxectoria Vital e Familias), recoñecen as mellores iniciativas levadas a cabo en favor da calidade de vida, a igualdade de oportunidades, a defensa dos dereitos e a plena integración do colectivo de persoas con parálise cerebral na sociedade.

Compartir: