XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o reparto de máis de 59.000 euros entre 38 asociacións veciñais

03/10/2014 A Xunta de Goberno aprobou o resultado da convocatoria 2014 de subvencións a asociacións veciñais para os seus programas e actividades. Repartiranse 59.133 euros entre 38 asociacións veciñais (adxúntase cadro), que recibirán cantidades que oscilan entre os 1.900 euros da subvención máxima ata os 633 da de menor contía, segundo a puntuación outorgada pola comisión avaliadora.

As asociacións veciñais que recibirán subvención son: A Gracia (San Caetano), A Unión de Villestro, A Xunlla de Laraño, A Xuntanza (San Pedro), Álvaro Cunqueiro (Vista Alegre), Amigos de San Pedro, Angrois, As Brañas de Andrés (Pelamios), As Cancelas, As Marías (Espírito Santo), Camiño de Santiago (Bando), Campo das Escolas (Busto), Casa Agraria (Meixonfrío), Conxo Aberto, Coto da Nai (Aríns), Domingo Cepeda (O Eixo), Falda do Pedroso (Casas Novas), Francisco Asorey (Almáciga), Guadalupe - A Ponderosa, Monte de Deus (Vite), Monte do Gozo, Montelongo (Grixoa), Nosa Señora de Belén (Santa Cristina de Fecha), Nova Xeira de Figueiras, O Camiño das Fontiñas, O Castiñeiro (O Castineiriño), Ponte do Romaño, Pontepedriña, Pontepedriña de Arriba - San Xoán de Afora, Rego das Pedras (Marantes), Río Sarela – A Peregrina, Río Sarela - San Lourenzo, San Xoán de Fecha, Sandra Prego Rial (Pontepedriña), Santa Marta- Choupana "Vedesma", Serafín Zas (A Rocha), e Zezar (Cesar).

Estas subvencións están destinadas na súa práctica totalidade a financiar actividades realizadas polas asociacións, reservándose un máximo dun 20% para gastos xerais de funcionamento. Unha vez concedida a subvención e para proceder ao seu cobro, as entidades beneficiarias deben presentar no Rexistro unha serie de documentación acreditativa da realización dos programas subvencionados. Con carácter xeral, o pago dos gastos sexa mediante transferencia bancaria ou cheque acompañado do documento que xustifique o abono, se ben excepcionalmente se permitirá o pago en efectivo de facturas de ata 400 euros (IVE incluído) se na factura consta a maiores de "cobrado" ou "pagado", a data de cobro e o selo da empresa ou sinatura; todo con fin de facilitar a xustificación dos gastos realizado.

Alumeado e pista de xeo de Nadal
O alcalde tamén anunciou que, conforme ao que xa se recollía no contrato asinado en 2013, o Concello acordou prorrogar o contrato para a iluminación no Nadal coa empresa Iluminaciones Santiaguesas S.L.. No informe dos técnicos municipais indícase que esta empresa desenvolveu o servizo a plena satisfacción.

O contrato, cuxa prórroga é obrigatoria para a empresa segundo a normativa de aplicación, recolle un importe de 48.340 euros, repartido en dúas anualidades.

Seguindo co Nadal, iniciouse o procedemento para contratar a instalación da pista de patinaxe sobre xeo na Alameda. Establécese un canon mínimo de saída á alza de 1.000 euros e un prazo de 30 días hábiles para a presentación de proposicións.

Esixirase unha fianza de 2.000 euros en previsión de posibles danos nas zonas verdes e elimínase a esixencia contemplada o ano anterior de dúas xornadas de portas abertas como mínimo, condición que, segundo explicou o alcalde, faría precisa unha achega municipal no caso dun posible déficit de explotación e impediría a esixencia dun canon á empresa.

Os criterios de valoración para as ofertas que poidan presentarse centraranse no canon ofrecido, nas características da pista e do servizo pola introdución de melloras e no prezo fixado para as entradas.

Promoción turística
Na sesión tamén se abordou un acordo en materia de promoción turística, coa Deputación da Coruña. Así, deuse o visto bo a un convenio mediante o cal o organismo provincial achegará un máximo de 100.000 euros para financiar unha campaña on-line de promoción de Santiago e de Galicia en Europa. O custo final estimado da campaña é de 130.000 euros, polo que a Deputación financia o 77%.

Agustín Hernández explicou que esta campaña, executada pola empresa municipal INCOLSA, tratará de promover activamente a cidade e Galicia como destino internacional de vacacións e centro de negocios atractivo".

Documentos relacionados



Compartir: