CONSORCIO

O Museo das Peregrinacións celebrará todas as fins de semana ata decembro obradoiros didácticos para nenos de 6 a 12 anos

02/10/2014 O Consorcio de Santiago vai celebrar no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) un total de 36 obradoiros didácticos para nenos, todas as fins de semana dende outubro ata mediados do mes de decembro. Esta iniciativa diríxese a rapaces de entre 6 e 12 anos. Ten como obxectivo achegar a historia de Compostela aos máis pequenos, mediante experiencias lúdicas e enriquecedoras artelladas en torno a unha serie de propostas diferentes.

Todos os obradoiros teñen unha duración de entre unha hora e media e dúas horas. Cada sábado programaranse dous talleres, que pola mañá comezarán ás 12.00 horas e pola tarde ás 18:00 horas. E os domingos tamén haberá un obradoiro ás 12:00 horas.

Cada taller ten un custo de 3 euros e será necesaria a inscrición previa para participar en calquera deles, a través do enderezo electrónico visitasguiadas@consorcio.org, no número de teléfono 981 566 110 ou tamén una propia recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os obradoiros terán un máximo de quince participantes cada un e un mínimo de seis para poder celebrárense.

Dunha caixa de sorpresas sairán obxectos vencellados a Santiago
Esta iniciativa arranca esta mesma fin de semana. O sábado 4 de outubro, ás 12.00 horas, celebrarase o obradoiro titulado Lemos Historia. Como punto de partida, os participantes visitarán a exposición permanente do museo Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral, unha recreación do Santiago do século XIII, o que permitirá aos nenos coñecer aspectos relacionados co nacemento e a evolución da cidade.

O percorrido pola mostra complementarase con lecturas breves vencelladas coa historia de Compostela. E a sesión concluirá coa elaboración dunha narración conxunta de todos os rapaces, a partir dunha caixa de sorpresas, da que irán sacando obxectos que lles axudarán a escribir a súa historia da cidade.

Santiago a través do debuxo e a fotografía
Tamén o sábado, pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase o obradoiro Debuxamos Santiago, co que se busca estimular a creatividade dos participantes. Para iso proporcionaráselles material que lles permita crear e colorear a súa propia Compostela, reinterpretándoa dende a súa visión particular.

O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, terá lugar o taller Instantáneas móbiles, que impartirá o fotógrafo Manuel Blanco. Os asistentes terán a oportunidade de explorar as posibilidades que ofrecen as cámaras fotográficas dos teléfonos móbiles. Así, aprenderán a sacarlles o máximo proveito ás novas tecnoloxías, ao tempo que aprenderán a poñer en práctica o vocabulario fotográfico máis habitual.

Compartir: