ALCALDÍA

O Centro de Información á Muller de Santiago atendeu máis 1.700 persoas e superou as 9.300 consultas en 2013

02/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a directora do Instituto da Muller, Carmen Plaza, visitaron hoxe o Centro de Información á Muller (CIM). O Concello de Santiago inviste máis de 200.000 euros ao ano neste centro, co obxectivo de promover a igualdade nos diferentes ámbitos, como o laboral ou o familiar, previr e loitar contra a violencia de xénero e potenciar a información á muller a través da formación, orientación laboral e profesional.

Tal como lembrou o alcalde, no centro traballan unha asesora xurídica, unha psicóloga e unha traballadora social, que asisten e asesoran ás demandas das mulleres deste Concello. Agustín Hernández agradeceu a todas estas profesionais o seu traballo, que "permite prestar estes servizos para garantir a debida protección ás mulleres en todos os ámbitos das súas vidas".

No ano 2013, o CIM de Santiago atendeu 1.709 persoas (1.686 mulleres e 23 homes) e recibiu 9.378 consultas (9.262 de mulleres e 116 de homes). Entre as consultas, destacan as 1.835 que demandaban asesoramento xurídico, seguidas das que pedían información sobre recursos (522), das atencións a vítimas de violencia de xénero (403) e das atencións psicolóxicas (394). Neste ano 2014 o CIM xa atendeu ao día de hoxe 1.109 persoas e recibiu 3.432 consultas.

O Centro conta co apoio da Xunta de Galicia, con subvencións por máis de 237.000 euros entre 2009 e 2013. Apuntou o alcalde que está a piques de resolverse a convocatoria de axudas deste ano, mostrando a súa confianza en que se manterá e reforzará a liña de colaboración.

Igualdade, información e loita contra a violencia de xénero
O Centro de información á Muller de Santiago foi creado polo Concello de Santiago a finais de 2004 e comezou a funcionar no ano 2005 con tres obxectivos fundamentais: detectar as causas reais da desigualdade e loitar eficazmente contra elas; previr e loitar contra a violencia de xénero; e potenciar a información a través de programas, xestións, cursos de formación, orientación laboral e profesional.

A través do CIM de Santiago desenvólvense fundamentalmente tres tipos de actuacións: asistenciais, comunitarias e servizos propios. O labor asistencial caracterízase pola atención individualizada e confidencial das mulleres a través da avogada, psicóloga e traballadora social. Préstase asesoría xurídica, asistencia psicolóxica e atencións social, tarefas complementadas co labor do persoal da Concellería de Servizos Sociais: traballadoras sociais, educadoras familiares, Unidade de Atención á Familia (UAF), Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) e Unidade de Atención ás Migracións (UAMI).

No eido comunitario, o CIM promove a participación sociocultural da poboación feminina deste Concello a través de charlas, conferencias, cursos, representacións teatrais, premios, co fin de difundir e sensibilizar á poboación en xeral do principio de igualdade de oportunidades.

Tamén de xeito estable ofrécese servizos propios como o servizo de teleasistencia móbil para mulleres vítimas de violencia de xénero; ou o programa Vagalume, co piso de acollida "O noso lar". Este Centro conta co servizo de teletradución en 51 idiomas, un servizo totalmente gratuíto que procura o acceso ás mulleres inmigrantes residentes en Santiago aos recursos dispoñibles.

Cómpre lembrar igualmente que o Concello de Santiago é un dos 149 concellos galegos adheridos á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, levando a cabo no ano 2012 actuacións de autoprotección e defensa para mulleres vítimas de violencia de xénero en colaboración coa Policía Nacional; e no ano 2013, actuacións de intervención de terapia ocupacional con nenos, nenas e adolescentes expostos a situacións de violencia de xénero.

Compartir: