XUVENTUDE

Novos procesos de selección para os grupos coral, teatral e musical de Compostela Actúa

02/10/2014 Compostela Actúa é un programa dirixido a dinamizar as artes escénicas e musicais entre a mocidade de Compostela. Despois dun primeiro ano de moi boa acollida, a iniciativa ábrese novamente para dar a oportunidade a novos participantes. Os castings realizaranse os sábados 4 e 11 de outubro.

Tal como explicou a concelleira de Xuventude en rolda de prensa, Compostela Actúa ten tres centros de actuación: un grupo coral, un grupo de teatro e un grupo musical. Os participantes, despois de superar un casting inicial pasaban a formar parte dunha disciplina de traballo que consistía nun ensaio semanal cun mestre especialista en cada unha das materias, traballo que culminou cunha actuación final o pasado 25 de xuño no Teatro Principal, con grande éxito de participación.

Despois desa primeira experiencia, con 120 persoas que acudiron aos castings e 50 mozos e mozas finalmente seleccionados, o programa ábrese a novas incorporacións, dando entrada a aquelas persoas que teñan inquedanzas artísticas e que non puideron acceder a Compostela Actúa na pasada edición. Este ano, como resposta a unha demanda dos participantes, aumentarase o tempo de duración dos ensaios, polo que se reforzará o compromiso que cada mozo e moza ten co programa

As datas dos castings, que se celebrarán no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, son:

- Sábado 4 de outubro, de 17:00 a 20:45 horas, para o coro Glee Club.
- Sábado 11 de outubro, tamén de 17:00 a 20:45 horas para o grupo de teatro A 4ª Parede e para o grupo de música Instrumentals.

Documentos relacionados



Compartir: