ALCALDÍA

Agustín Hernández reivindica a importancia de Xulio Maside na historia da arte en Galicia

01/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou unha nova exposición antolóxica de Xulio Maside, que estará no Auditorio de Galicia ata xaneiro de 2015. No acto tamén estiveron presentes o propio artista; a súa dona, Mª Esther Rodríguez; e a comisaria da exposición, Mercedes Rozas.

Agustín Hernández lembrou que Xulio Maside leva máis de 50 anos pintando cunha estreita vinculación con Santiago de Compostela, no persoal e tamén no laboral, xa que foi anestesista no Hospital Clínico durante máis de 40 anos. "É, sen dúbida, o momento oportuno para renderlle unha merecida homenaxe a través da compilación rigorosa que Mercedes Rozas, a comisaria, coa inestimable axuda de Mª Esther Rodríguez, dona de Xulio, conseguiron levar a cabo e que nos permite abrir ao público a que será a mellor e máis completa antolóxica deste artista", dixo.

Segundo indicou o alcalde, "esta mostra reivindica a súa figura no contexto da historia da arte en Galicia das últimas décadas e, o que aínda nos parece máis importante, o aprecio que Xulio Maside acada no ámbito da arte en Compostela e que constatamos hoxe coa presenza de moitos amigos e prestadores públicos e privados, a quen agradecemos a súa presenza e o imprescindible apoio a esta exposición".

Tras lembrar algúns episodios da biografía de Xulio Maside, Agustín Hernández insistiu no "xenio creativo" do artista, seguro de que a mostra inaugurada no Auditorio "comportará un maior coñecemento da súa figura e da súa obra". Explicou que o percorrido expositivo se completa con pasaxes literarias, frases, versos ou escritos e cunha filmación na que a voz de Xulio Maside nos guía polo seu proceso creativo, o que "nos ofrecerá un relato preciso do seu compromiso artístico". Tamén afondará na figura do artista a publicación do catálogo da exposición.

Compartir: