CULTURA

Laurent Naouri clausura o XV Ciclo de Lied no seu primeiro concerto en Galicia

29/09/2014 O XV Ciclo de Lied chega ao seu fin este martes 30 de setembro cun concerto moi especial, xa que se trata da primeira vez que poderemos escoitar en Galicia ao barítono parisiense Laurent Naouri. Naouri presenta o programa A chanson francesa e os seus poetas a partir das 20:30 horas no Teatro Principal, acompañado ao piano por Roger Vignoles. As entradas para este concerto teñen un prezo de 8 euros e poden mercase no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

O especial programa co que Laurent Naouri se presenta por primeira vez no Ciclo de Lied, e en Galicia, estará dedicado integramente á canción francesa. O barítono parisiense ilustrará no seu recital a íntima relación dos compositores franceses cos máis ilustres poetas do seu país á hora de escribir as súas chansons. O máis que interesante programa amosa a inspiración que Víctor Hugo supuxo para Georges Bizet, ou Paul Verlaine para Gabriel Fauré, ou a estreita comuñón estética de Charles Baudelaire e Claude Debussy, Jules Renard e Maurice Ravel, ou Guillaume Apollinaire e Francis Poulenc.

Laurent Naouri, baixo-barítono. Estudou no CNIPAL de Marsella e na Guildhall School of Music and Drama de Londres. O seu amplo repertorio inclúe preto de corenta papeis, desde ópera barroca temperá ata ópera contemporánea.

Roger Vignoles, piano. Internacionalmente recoñecido como un dos músicos e pianistas acompañantes máis distinguidos do mundo, acompaña habitualmente aos mellores cantantes nos máis importantes auditorios e salas de concertos e está considerado como unha destacada autoridade no repertorio da canción.

Compartir: