CULTURA

O festival Curtocircuíto estrea 27 filmes en España na súa sección oficial

25/09/2014 Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes, que terá lugar entre o 6 e o 11 de outubro, presentou a súa programación completa, a proxectarse no Teatro Principal e na Zona C. Con vontade internacional e a calidade como máxima, a sección oficial acolle 53 traballos, 27 deles estrea en España, 4 deles estrea mundial en Curtocircuíto. Todos pretenden recoller as tendencias actuais do cinema internacional, a través de dous programas que miden o nivel de exploración formal e narrativa da linguaxe cinematográfica: Radar (máis convencional) e Explora (para as propostas máis rompedoras).

Estas películas foron elixidas polo equipo de programación logo do visionado dos máis de 3.400 filmes presentados este ano, chegados de 94 países. Isto supón un incremento de ao redor do 45% respecto da edición anterior, e o número máis alto de inscritos na traxectoria de Curtocircuíto. Os xurados internacionais Radar e Explora, con membros da categoría do cineasta canadense Mike Hoolboom ou o reputado crítico australiano Adrian Martin, a participar tamén nas actividades do festival; deberán elixir as cintas gañadoras, con premios valorados en 3.000 euros para cada categoría.

O criterio de programación conceptual, e non xeográfico, como nas edicións anteriores; aplícase tamén na terceira sección competitiva fóra da oficial. Planeta GZ nace para dar cabida aos traballos galegos máis arriscados do ano, en sintonía coa liña editorial do certame. Nove curtas compiten nesta categoría por un premio de 2.000 euros, amais de optar aos de mellor director galego e mellor guión, galardóns dotados de 500 euros cada un. Estes recoñecementos outórganos CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) e AGAG (Asociación Galega de Guionistas) respectivamente, en colaboración co festival. Deste xeito, Curtocircuíto repartirá, sumando os galardóns do Xurado Novo e o do público, un total de 12.500 euros en premios.

Actividades e sesións para todos os gustos
Como festival público, Curtocircuíto debe e quere chegar a toda a cidadanía, por iso propón un amplo conxunto de actividades e seccións paralelas variadas, nas que deixa tamén a súa pegada. O cinema non podería existir sen os profesionais que o fan posible. Por iso, proponse un conxunto de actividades paralelas para que o espectador descubra o cinema por dentro: clase maxistral de Mike Hoolboom, charla sobre o ensaio audiovisual con australiano Adrian Martin; mesa redonda sobre a produción de cinema de autor; seminario sobre cinema experimental español e obradoiro Blank Paper.

Todas estas actividades son de balde, previa inscrición na web do festival. Co espírito de ofrecer prezos asumibles para todos, Curtocircuíto só cobra 2 euros por sesión na sección oficial e na retrospectiva de Mike Hoolboom. O resto das sesións son de balde, previa retirada das entradas na billeteira. Entre estas sesións, inclúese un conxunto variado de seccións paralelas para todos os públicos. As entradas poden adquirirse xa no despacho de billetes do Teatro Principal.

Direccións relacionadas



Compartir: