CULTURA

O Festival d’Gorra presenta varias exhibicións de acrobacias aéreas

23/08/2006 Unha nova atracción chega ao Festival d’Gorra. Trátase dos Espazos aéreos, unha invitación a gozar das acrobacias aéreas na Alameda. O espectáculo comezará ás 18:00 horas e prolongarase aos días 25 de 26 da man das compañías Almacabra, Teatro Deluxe e Duelirium.

Almacabra presenta "Rebambimba!", unha mistuar de comedia, canción e acrobacia aérea. As irmás Bimbala e Bambola loitan polo amor do trotamundos Renato no medio dos seus propios desexos. Pola súa parte, Teatro Deluxe amosa a dúas personaxes en apuros. Ela voa, el fai voar. O nunca visto. E para completar o tempo das acrobacias aéreas, Duelirim ofrece o seu espectáculo "Jaleo jalea". Música, corografía co público, trapecio cadrado, acrobacias e taconeo. Todo con moito humor.

Ao mesmo tempo continúan os espectáculos polas rúas do casco antigo. Un exemplo é a actuación de Malabaranda, unha formación mítica do Novo Circo Galego integrada por Pablo, Manu e Kote. Estarán ás 17:30 horas na Quintana. Media hora despois, no Toural, novo pase de Pajarito, unha pallasa que encandila, que levanta paixóns, tenrura e gargalladas.

Lupo volve ao Festival d’Gorra na segunda semana, cunha exhibición de habilidades e, sobre todo, moita risa. A súa actuación, ás 18:30 horas en Praterías, dará paso a outra representación de Manik Freak na Quintana. "Pequeno Pallaso" é o título dun espectáculo que mestura malabares, acrobacia e equilibrismo.

Os que debutan nesta edición do festival, ás 20.00 horas no Toural, son os membros de Casi que si, que traen "A volta ao cole", unha investigación de novos elementos circenses, humor visual, xestual, acrobático e estúpido. Dous adultos baixiños no seu primeiro día de clase. E para rematar a xornada, Cigani en Praterías. A súa exhibición titúlase "Sen papers" e combina música e clown. Un grupo de ziganos macedonios chega ilegal ao noso país, convencidos de que na rúa son absolutamente libres.

Documentos relacionados



Compartir: