UMAD

Maxia, cultura urbana e bicicleta para pechar seis meses de actividades de lecer alternativo

25/09/2014 Nos últimos seis meses, a Concellería de Servizos Sociais, a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) veu realizando diversos programas de lecer alternativo dirixidos á mocidade. Este vindeiro fin de semana rematan estas iniciativas con tres actividades abertas a todo o público: unha xornada de maxia, outra de cultura urbana e a segunda entrega das Xornadas da Bicicleta na Mocidade.

A primeira destas xornadas celebrarase mañá venres, 26 de setembro, no Centro Sociocultural da Trisca. O Mago Xacobe ofrece o seu espectáculo Intimaxia. Maxia de preto para 30 persoas, en dous pases, ás 20:00 e ás 21:00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo.

A maxia continuará o domingo 28 na praza Roxa. Alí, de 17:00 a 20:00 horas, haberá diversos obradoiros de maxia, globoflexia e artes afíns, impartidos por magos profesionais.

Hip Hop e Xornadas da Bicicleta
O sábado 27, de 17:00 a 20:00 horas, a praza Roxa acollerá unha xornada de cultura urbana denominada Go Hop. O programa inclúe obradoiros de breakdance, graffiti, turntablism DJ e beatbox, ademais de exhibicións destas disciplinas.

Finalmente, o domingo 28, celebrarase a segunda entrega das Xornadas da Bicicleta na Mocidade. Será no Campus Sur (zona do estanque) entre as 10:00 e as 14:00 horas.

O programa arrancará ás 10:00 horas cunha concentración de ciclistas no punto de encontro. Logo, entre as 10:30 e as 11:00 horas, a Asociación Vella Escola fará unha exhibición de BMX e Skate. Entre as 11:15 e as 13:00 horas está prevista unha ruta en bicicleta de montaña polo Monte Pedroso, dirixida a todos os públicos idades. O percorrido, de 14 quilómetros, está organizado polo Club Ultreia. A xornada concluirá no punto de chegada, no merendeiro do Monte Pedroso, ás 13:00 horas, cunha exhibición de saltos e descensos a cargo do grupo de descenso do Club Ciclista Muebles Compostela.

Bens decomisados
Todas estas accións son financiadas cunha subvención do Ministerio de Sanidade, procedentes dos bens decomisados por tráfico de drogas e outro delitos relacionados a que accedeu o Concello de Santiago, polo que o 70% do custo das actividades está subvencionado.

A idea destes programas organizados pola UMAD é facilitar a práctica e difusión de actividades de lecer alternativo e saudable. Preténdese a posta en marcha e consolidación destas propostas, co fin de que logo poidan funcionar de forma autónoma.

Compartir: