ALCALDÍA

O Concello encarga un proxecto de mellora do Camiño portugués no termo municipal

25/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, manifestou que o Concello vai encargar un proxecto de mellora do Camiño portugués no tramo comprendido dentro do termo municipal de Santiago. Así o anunciou durante a visita que realizou esta mañá, acompañado pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, a un tramo do Camiño Fisterra-Muxía no que a Axencia está realizando traballos mantemento e conservación.

Agustín Hernández referiuse ao "compromiso total" do Concello cos Camiños de Santiago, do que dan conta os traballos en marcha. Así, destacou o labor do Consorcio de Santiago, que está elaborando o Plan Especial do Camiño Francés, coa previsión de que estea rematado para 2015.

A segunda acción afecta ao Camiño portugués, cuxa delimitación por parte da Xunta determinou un novo percorrido polo municipio que afecta á Rocha Vella e Conxo, de aí que, en palabras do alcalde, sexa necesaria a súa adecuación e sinalización. "A Concellería de Cultura e Patrimonio está tramitando o encargo dun proxecto que permita definir as necesidades desta ruta no sentido de facer practicable nas mellores condicións o Camiño, ao tempo que se realizará a súa sinalización", explicou.

Ademais, apuntou que "esta nova traza permite poñer máis en valor outro dos bens patrimonais máis singulares do noso Concello, o Castelo da Rocha, no que se está a traballar na súa recuperación".

Delimitacións e Plan Director dos Camiños
Seguindo co labor de posta en valor dos Camiños, o alcalde tamén aludiu aos traballos de delimitación que realizou á Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co fin de asentar a traza dos Camiños no termo municipal, o que nalgúns casos supuxo variacións nos perrcorridos.

Tamén agradeceu o traballo da Axencia de Turismo de Galicia, coa licitación do Plan Director dos Camiños de Santiago, que servirán de folla de ruta e marcará a pauta a seguir en todos os eidos: medioambiental, patrimonial, promocional... Lembrou Agustín Hernández que o Concello de Santiago terá un representante na comisión de seguimento deste Plan dada a importancia e incidencia do Camiño no noso termo municipal.

O alcalde considera "imprescindible" a colaboración nesta materia coa Axencia de Turismo, directamente ou a través do Xacobeo, porque "o Camiño é o buque insignia do turismo de Galicia; mesmo podemos dicir que é a marca máis potente que hoxe en día ten Galicia e a súa incidencia no noso Concello é fundamental. Non podemos esquecer que somos os receptores de todos los Camiños e a singularidade de cada un deles debe ser tratada e reflectida no noso planeamento".

Compartir: