CULTURA

Goyo Jiménez presenta "Evoluzión" no Teatro Principal dentro do ciclo Falabaratos

24/09/2014 O humorista Goyo Jiménez presenta o seu novo espectáculo, Evoluzión, na nosa cidade dentro do ciclo Falabaratos que organiza o Concello de Santiago. Será en dúas funcións, este xoves e o venres, ás 21:00 e 20:00 horas, respectivamente, no Teatro Principal. Despois del, o programa para este 2014 complétase con Uri Sabat & Daniela Blume con No cambies nunca: solo esta vez; Faemino e Cansado, que presentan ¡Como en casa ni hablar!; e Leo Harlem+Sergio Olalla con #trendingtronching.

Goyo Jiménez estrea o seu novo espectáculo, inédito en televisión, e titulado Evoluzión. O considerado por público e crítica como mellor monologuista cómico do país, deleitará ao público co seu sorprendente e mordaz visión da evolución humana até día de hoxe. Todo iso coa barroca e exhaustiva forma de posta en escena de Goyo Jiménez, quen explota de novo neste espectáculo todos os seus recursos expresivos de corpo e voz ao servizo da diversión e a transmisión de emocións e sensacións, de forma detallista e virtuosa. É esta particular forma de construír as súas one man shows, precisamente, a que lle valeu o recoñecemento de crítica e público. Habitual do programa El Club de la Comedia, Goyo foi elixido como Mellor Monologuista polas audiencias da serie.

Evoluzión conta como fai tropecentosmil anos, un homínido bastante feo alzouse sobre as súas patas traseiras e descubriu que, dende esa perspectiva, o mundo víase de maneira totalmente diferente. Aquilo supuxo moitos cambios para el e para os seus descendentes, tantos, que, co correr do tempo, pasaron a considerarse a si mesmos como "seres superiores", chegando a esquecer a súa orixe e a súa verdadeira natureza. Pero, por sorte, a evolución, no seu eterno afán por equilibrar, creou aos humoristas para lembrarllo.

Máis propostas de Falabaratos
Uri Sabat e Daniela Blume presentan No cambies nunca; solo esta vez, unha divertida obra que combina monólogo cómico tradicional con teatro. Durante 80 minutos, os espectadores converteranse en psicólogos que deben diagnosticar a saúde da relación dunha parella nova. Será o domingo 2 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

A seguinte proposta do ciclo é de Faemino e Cansado, que presentan ¡Como en casa ni hablar! o sábado 8 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio Abanca. Que pretenden con este novísimo espectáculo? Pretender, pretender, nada. O que lles gustaría é que a xente rise polo menos 23 veces e que ao saír do teatro fosen mellores persoas e atopasen o sentido da vida.

Pechan a programación de Falabaratos deste 2014 Leo Harlem e Sergio Olalla o venres 21 de novembro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia, con #trendingtronching. #Trending (tendencia, recomendación) Tronching (que te vas esmendrellar de risa). Estas son as dúas premisas coas que nace #trendingtronching, o último espectáculo de cómicos que presentarán Leo Harlem e Sergio Olalla en Falabaratos. #trendingtronching é máis que un espectáculo de humor. É unha forma de ver e entender a vida que nos mostra a eterna loita entre o clásico e o moderno, o eterno e o pasaxeiro.

Compartir: