ALCALDÍA

O alcalde destaca que a débeda municipal se situou neste exercicio en "mínimos históricos"

24/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, deu conta en rolda de prensa dos asuntos a tratar no Pleno ordinario de mañá xoves, entre os que destacou a aprobación definitiva da conta xeral do ano 2013. Os indicadores da mesma, dixo, "constatan que estamos avanzando na redución da débeda e na mellora da solvencia das contas do Concello". De feito, apuntou que, en agosto de 2014, a débeda se atopa en "mínimos históricos".

Agustín Hernández estivo acompañado na rolda de prensa polo concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, co que explicou a situación actual das contas municipais. Así, no que á débeda se refire, atopábase en agosto deste ano en 48,6 millóns de euros, fronte aos 64,11 millóns a 1 de xaneiro de 2011 e os 70 millóns do 1 de xullo de 2011. Deste xeito, a débeda por habitante reduciuse en 170 euros, pasando dos 676 euros de 2011 aos actuais 506 euros (agosto de 2014).

Destacou tamén o alcalde os preto de 30 millóns pagados de débeda dende xullo de 2011, e a estabilidade orzamentaria lograda, cunha marxe actualmente de 11 millóns de euros. Igualmente, referiuse ao período medio de pago a provedores, que se reduciu ata os 57 días a finais de 2013, fronte os 123 días de xaneiro de 2011. Tamén melloraron significativamente os indicadores de liquidez inmediata e de solvencia.

A conta xeral reflicte un superávit de 5,2 millóns de euros, o cal "permite acometer novos investimentos ou amortizar débeda e, sobre todo, evita ter que realizar recortes por ese importe", apuntou o rexedor municipal.

Referiuse ao plan de axuste posto en marcha en 2012, co que se lograron uns orzamentos de gasto axustados aos ingresos reais. Tamén consecuencia do mesmo foron os bos resultados obtidos nos últimos exercicios en canto á redución da débeda, a estabilidade orzamentaria, a redución do período medio de pago de facturas.

Albergue en Virxe da Cerca
No Pleno tamén se debaterá sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual no Plan Especial do Casco Histórico que permitirá ampliar os usos da antiga sede do Proxecto Home, no número 6 da Virxe da Cerca, e así facer posible a creación dun albergue de aloxamento temporal por parte desta mesma institución.

A modificación permite que o uso pase de ser exclusivamente residencial universitario a ser equipamento múltiple, asistencial, socio-cultural, residencial universitario, relixioso, docente e administración institucional, incorporándose tamén como uso tolerado o de albergue. Entre outras cuestións, indicou o alcalde, "a modificación incrementa as posibilidades de recuperación do inmoble cun notable valor patrimonial e que actualmente se atopa desocupado".

Ocupación de bens en Vista Alegre
Na sesión darase conta á Corporación dunha declaración de ocupación de bens para a execución do proxecto de mellora da accesibilidade e mobilidade no barrio de Vista Alegre. A propósito deste tema, Agustín Hernández lembrou que, nestes momentos, as obras de mellora da mobilidade e accesibilidade neste barrio, no que se están a investir 2,4 millóns de euros dentro das diferentes fases. A primeira fase (1,4 millóns), está en execución, e a segunda fase (1 millón de euros) atópase no proceso de contratación.

Xunto coa remodelación e reordenación dos espazos urbanos e dos vieiros que conforman o barrio, o proxecto incorpora melloras na iluminación, que estará suspendida cunha maia de tensores de aceiro suxeita as fachadas. A solución adoptada supón unha importante mellora da calidade na iluminación, prescindindo dos farois a pé de rúa, eliminando así obstáculos.

"Precisamente para suxeitar os tensores é necesario realizar esta ocupación de fachadas, aclarando os bens sobre os que se establece a servidume. En todo caso, trátase dunha ocupación moi pequena para dar servizo de calidade, como é a iluminación, a este barrio compostelán", explicou o rexedor municipal.

Ampliación de comedor escolar no CEIP Vite I
Ademais, o Pleno aprobará o inicio do procedemento para a desafectación da antiga vivenda do conserxe no CEIP Vite I, propiedade municipal. Este trámite permitirá a ampliación do comedor dese centro educativo por parte da Consellería de Educación.

Segundo indicou o alcalde, "a vivenda está integrada no propio edificio do colexio, na súa planta baixa, e polo tanto situada moi favorablemente para o seu uso como espazo educativo segundo as necesidades do colexio, neste caso como servizo de comedor. Ten a vantaxe ademais de que a comunicación co resto de espazos do colexio é totalmente directa e a cuberta".

Mellora da EDAR da Silvouta
Finalmente, Agustín Hernández referiuse á aprobación neste mesmo Pleno ordinario das plurianualidades que achegará o Concello no marco do convenio asinado con Augas de Galicia e Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España (AcuaEs) para a execución das obras de mellora da EDAR da Silvouta.

O importe do convenio ascende a 4,7 millóns de euros, dos que o Concello de Santiago achegará 470.000 euros de fondos propios, outro tanto a Xunta de Galicia, e os 3.760.000 euros restantes o Estado con fondos FEDER. O acordo plenario ten como obxectivo axustar as plurianualidades do Concello.

As obras están en fase de licitación, co obxectivo é comezalas este mesmo ano, polo que a maior parte da achega municipal realizarase en 2015, que é cando se executará o volume de obra mais importante. Tendo isto en conta, aclarou Agustín Hernández, a anualidade de 2014 será de 100.000 euros, reservando os 370.000 restantes para 2015.

Documentos relacionados



Compartir: