DEPORTES

Santiago acolle a fase final da Copa Gallaecia de fútbol

22/08/2006 As seleccións de Braga, Pontevedra, Porto e Vigo disputarán os días 26 e 27 de Agosto a Fase Final da I Edición da Copa Gallaecia de fútbol sub-17. Esta proba deportiva está organizada pola Fundación Compostela Deporte, en colaboración coa Federación Galega de Fútbol e as asociacións de fútbol do Norte de Portugal.

Os actos que se desenvolverán co gallo desta competición deportiva foron presentados polo concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación, Manuel Portas, acompañado polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Julio Meana, e do presidente da Asociación de Fútbol de Braga, Carlos da Costa.

As seleccións participantes nesta edición por parte portuguesa foron Braga, Bragança, Porto, Viana e Vila Real. Os combinados da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo representaron a Galicia. As gañadoras dos catro grupos configurados, Porto, Pontevedra, Vigo e Braga disputan esta fase final.

A primeira semifinal, entre Porto e Pontevedra, disputarase no Multiusos de San Lázaro o sábado 26 a partir das 10:00 horas. Vigo e Braga xogarán a outra semifinal ás 12:00 horas. Os gañadores enfrontaranse na final o domingo 27 ás 12:00 horas. Antes disputarase o encontro polo terceiro e cuarto posto.

O equipo gañador recibirá unha peza que reproduce unha obra escultórica deseñada e confeccionada polo artista portugués Nuno Mendanha. O trofeo consiste nunha talla que, partindo dun balón, se apoia sobre o mesmo. Unha metade do pé representa ao futbolista, e a outra metade ao peregrino. O nocello amosa un Carballo, árbore autóctona de Galicia e do Norte de Portugal. A peza orixinal está feita en bronce e pesa 21,5 quilos e quedará en depósito na cidade que organiza a fase final de cada edición.

Presentación oficial da selección galega de fútbol feminino

Tamén o domingo 27, ás 10:00 horas, no Estadio de San Lázaro, presentarase oficialmente a selección galega de fútbol feminino. Para este debut disputarase un encontro fronte á selección do Norte de Portugal.

O seleccionador galego, Manuel Rey Fernández seleccionou dezaoito xogadoras, das que oito pertencen a El Olivo, tres ao Atlético Arousana, tres ao Bértola FF, tres ao Val do Ulla e unha ao Pontevedra FC.

Reunión da organización da Copa Gallaecia

Ademais de todo isto, o sábado 26, nas dependencias do Hotel Peregrino, terá lugar a partir das 16:00 horas a reunión da organización de todas as Federacións e Asociacións que, en colaboración coa Fundación Compostela Deporte, organizan a Copa Gallaecia 2006. Neste encontro trataranse temas do regulamento, da competición deportiva e do calendario de partidos para o torneo de 2007, así como a designación da cidade que acolla a fase final do mesmo.

I Congreso Internacional Gallaecia-Fútbol Base

Finalmente, tamén o sábado 26, celebrarase o I Congreso Internacional Gallaecia-Fútbol Base, cuxo obxectivo é transmitir aos asistentes coñecementos que fomenten o análise e o debate sobre o fútbol base.

Dous serán os relatorios a desenvolver. O primeiro deles leva como título "Da base á elite, difícil camiño". O segundo abordará as novas tecnoloxías aplicadas ao fútbol. Entre as persoas que presentarán traballos destaca o adestrador do Celta de Vigo, Fernando Vázquez, e o seleccionador nacional feminino, José Ignacio Quereda.

Compartir: