ALCALDÍA

O alcalde establece como eixes do orzamento de 2015 a blindaxe do gasto social, os investimentos e a rebaixa da presión fiscal

22/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, mantivo esta mañá unha reunión de coordinación cos concelleiros do grupo de Goberno municipal, co fin de preparar os orzamentos de 2015. O encontro, celebrado no edificio Cersia, en San Lázaro, serviu para poñer en común as diferentes necesidades dos diferentes departamentos. Os orzamentos do novo exercicio terán como prioridade a blindaxe do gasto social e en educación, os investimentos e a rebaixa da presión fiscal.

Agustín Hernández explicou que, ata o momento, a Concellería de Facenda solicitou datos aos diferentes centros xestores e concellerías para formalizar un borrador. "A partir de hoxe, a Concellería de Facenda estudará as diferentes propostas que estamos a poñer enriba da mesa e elaborarase un borrador de orzamentos, que esperemos estea a finais de outubro ou principios de novembro e poida ir ao pleno", indicou. O obxectivo, dixo, é "comezar xaneiro cos orzamentos de 2015 en vigor".

Segundo indicou, os orzamentos pivotarán sobre varios eixes fundamentais: axuste de ingresos e os gastos; blindar o gasto social e en educación; priorizar os investimentos e diminuir a presión fiscal aos veciños. Agirmou que o Concello está na senda do rigor, para presentar aos cidadáns un Concello coas contas saneadas.

Normalidade, apoios institucionais e investimentos por 20 millóns de euros
Agustín Hernández aproveitou a súa comparecencia ante os medios para facer balance dos 77 días, dous meses e medio, dende a súa toma de posesión como alcalde. Destacou a normalidade do funcionamento da xestión cotiá do Concello e o traballo realizado para resolver os problemas cotiás dos cidadáns, desbloquear cuestións pendentes e perfilar novos proxectos. Neste sentido, referiuse ao relanzamento dos apoios institucionais, con investimentos por uns 20 millóns de euros.

Así, salientou os compromisos e xuntanzas mantidos coas institucións autonómicas, dos que saíron investimentos como: por parte da Xunta, 2,3 millóns de euros para o Estatuto da Capitalidade, 2 millóns para a restauración fachada da Catedral, 700.000 para o Bosque de Galicia, 500.000 para a peonalización de Carreira do Conde, 300.000 para a ampliación do CEIP Monte dos Postes; por parte da Deputación da Coruña, 200.000 euros (dun investimento total de 600.000) para o campo de fútbol de Conxo; 227.000 para promoción turística e cultural e 751.000 euros do Plan DTC; e do Goberno español, 7 millóns de euros para o inicio das obras do paso inferior de Conxo e o desbloqueo da mellora da depuradora da Silvouta, por 4 millóns de euros.

Compartir: