ALCALDÍA

O alcalde de Santiago visita o Espazo Gastro no Mercado de Abastos

20/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, visitou o Espazo Gastro instalado no Mercado de Abastos dentro das actividades de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, que se celebra en Santiago entre o 19 e 28 de setembro.

O Espazo Gastro é unha actividade lúdica na que se integran o produto do Mercado de Abastos, as tapas elaboradas por restaurantes da cidade que por unhas horas ocupan postos da propia praza e actuacións musicais.

A xornada de hoxe foi a primeira das catro que haberá do Espazo Gastro. As seguintes tres xornadas serán os días 25, 26 e 27 de setembro, en horario de 12:00 a 15.00 horas. No Espazo Gastro participan 15 restaurantes que ofrecerán tapas e racións de cociña creativa elaboradas a partir de produto fresco e de tempada adquirido na propia praza.

Os 15 establecementos que ofrecerán as súas creacións son: A Curtidoría, Acio, Café de Altamira, Caney, Garum, Hotel A Quinta da Auga, Los Caracoles, Mesón A Charca, O Celme do Caracol, O Curro da Parra, O Ferro, Quercus IP, Resas, Singulario e Tapería Castelao. Café Candelas e Estrella Galicia estarán tamén presentes no Espazo Gastro do Mercado de Abastos.

Ademais da degustación gastronómica, os asistentes gozarán de ambientación musical en directo, con actuacións protagonizadas polo DJ Javier Rial, a banda de música tradicional galega con aires renovados A Liga Gaiteira, o grupo de percusión contemporánea Odaiko Percussion Group, a formación rockabilly Lou Reyes & Los Rockin Corsarios e a emerxente banda compostelá de pop Los Árboles.

Compostela Gastronómica inaugurouse onte con tres charlas e obradoiros nas que se inscribiron cen persoas. Foron: "Obradoiro de fotografía gastronómica", impartido por Ramón Escuredo, "A espontaneidade na cociña", cos cociñeiros composteláns Lucía Freitas e Iago Castrillón, e o "Obradoiro de mixoloxía molecular", por Diego Mosquera. Para as actividades que haberá ata o día 28 hai xa máis de 1.000 persoas inscritas.

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Compartir: