CULTURA

Unha nova xornada de malabarismos, música e clown

22/08/2006 O Festival d’Gorra vive o mércores 23 unha nova xornada de actuacións, onde varias compañías e artistas repiten pases dalgúns espectáculos. Non faltarán as acrobacias, a música, o humor e, sobre todo, a participación do público que se achegue ás prazas do casco antigo compostelán.

Abrirá o día a representación de Manic Freak na Quintana, ás 17:30 horas. "Pequeno Pallaso" é o título dun espectáculo que mestura malabares, acrobacia e equilibrismo. Un percorrido do tenro ao absurdo que toca a natureza máis sensible de cada un. Tomará o relevo Trasno, que volve ao festival tras dúas actuacións na primeira semana. O seu son os malabares, a acrobacia, o humor, a música, o equilibrio e a participación.

Ás 18:30, en Praterías, nova oportunidade para Kuboam Bulante e "Un home perdido", unha mestura de malabares e clown. Media hora despois, turno para Kote na Quintana co seu divertido espectáculo de rúa.

Para rematar a xornada, dúas propostas diferentes. A primeira é a de Cigani, ás 20:30 horas en Praterías. A súa exhibición titúlase "Sen papers" e combina música e clown. Un grupo de ziganos macedonios chega ilegal ao noso país, convencidos de que na rúa son absolutamente libres. A continuación, nova ocasión para ver a Pajarito, unha pallasa que encandila, que levanta paixóns, tenrura e gargalladas.

Documentos relacionados



Compartir: